O PSOE analiza os orzamentos da Xunta para a provincia de Lugo

TerraChaXa
Segundo reflicten informes públicos de asociacións de construtores e empresarios, no 2008, co PSOE no goberno galego, a Xunta de Galicia licitou 209 millóns de euros en obra pública na provincia de Lugo.
PHOTO 2018 10 24 14 31 27
26 Oct 2018

Segundo reflicten informes públicos de asociacións de construtores e empresarios, no 2008, co PSOE no goberno galego, a Xunta de Galicia licitou 209 millóns de euros en obra pública na provincia de Lugo. No 2009, (co PSOE no executivo autonómico ata a metade dese ano e o PP nos restantes meses), esta foi de 152 millóns.

No 2017, data do último estudo, reduciuse aos 21,3 millóns. Son 187,7 millóns menos en 10 anos, que reflicten unha redución do 90% nos investimentos reais. O secretario Xeral do PSOE na provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos; a presidenta do partido e alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, e o Secretario de Política Municipal e alcalde da Fonsagrada, Argelio Fernández Queipo, amosaron "como o Partido Popular fixo este evidente recorte, dando conta do que fixeron os populares con algúns dos proxectos que o Partido Socialista impulsou na provincia de Lugo". Estes foron algúns dos exemplos expostos:

1.- HULA.- O PSOE no goberno da Xunta modificou o proxecto inicial de construción do HULA para incorporar a dotación de Hemodinámica 24 horas, Radioterapia e Medicina Nuclear, prestacións que xa non incluíu o anterior executivo do PP. Os socialistas puxeron en marcha as obras, deixando practicamente listo o edificio e 39 millóns no orzamento para rematalo e equipalo. No presuposto de 2010, o PP recortou esta partida ata os 18 millóns. Quitou 21 millóns de euros para este fin e abriu o Hospital sen imprescindibles servizos sanitarios.

2.- Ronda Leste.- O PSOE no Goberno da Xunta comprometeu a dotación desta vía con 28 millóns de euros. As obras dividíronse en dúas fases. O PSOE executou a primeira, que se corresponde co treito delimitado polas estradas de Vegadeo á Fonsagrada, investindo 9,9 millóns. En febreiro de 2009, Touriño avanzou a licitación do proxecto construtivo da segunda fase, que inclúe o treito dende a estrada da Fonsagrada á Tolda de Castela. O BOE publicou isto. O PP suprimiu este proxecto dos orzamentos da Xunta. Quedaron sen facer as obras duns 18 millóns que proxectara para Lugo o Partido Socialista.

3.- Auditorio.- O PSOE no Goberno da Xunta deixouno en marcha: terreos, contratada a redacción do proxecto e orzamento para as obras. 9 anos despois, o auditorio segue sen abrir porque o PP negouse a equipalo dende a Xunta cando si o fixo noutras provincia. En Ferrol, por exemplo, pagou o 75% do mesmo. O Concello de Lugo tivo que asumir o equipamento, dándolle á Xunta 3,6 millóns. Estes fondos engádense aos 1,2 millóns que tamén achegou ás obras. O PP fixo que os lucenses pagasen 4,8 millóns polo auditorio.

4.- Plan Paradai.- O PSOE fixo realidade este proxecto que data de 1999 dende a Xunta e o Concello de Lugo, comprometendo 15 millóns da Xunta. Executou con 6,4 millóns de euros as primeiras 3 fases. En marzo de 2009, autorizou a 4ª e última fase no Concello da Xunta con outros 8,3 millóns. O PP tardou 7 anos en executar 3,5 millóns para a nova Ponte de Paradai. Dende entón, non fixo nada, quedando pendentes varias actuacións por valor de 4,8 millóns.

5.- Intermodal. O Plan Paradai trátase, precisamente, do inicio para dotar a Lugo da súa estación intermodal. Foron os socialistas os que dende o Goberno Central e o Concello acordaron a contratación da redacción deste proxecto con máis de 600.000 euros. O PP anulou este contrato dende o Executivo do Estado no 2012 e agora dende a Xunta só achegan ao mesmo 30.000 euros para o 2019. Segundo dixo publicamente Balseiro, este proxecto custará 6,5 millóns. Se o PP segue co mesmo ritmo inversor, a intermodal tardará 180 anos.

6.- Museo da Romanización. O PSOE no Goberno da Xunta deixou licitadas as escavacións arqueolóxicas e fondos para a redacción do proxecto técnico nas partidas da Consellería de Cultura do orzamento de 2009. O PP fíxoo desaparecer. Balseiro dixo publicamente que “Lugo ten demasiados museos”. 

7.- Barrio da Residencia. O PP mantivo o barrio no olvido durante 7 anos, dende que pechou o Vello Xeral no 2011. Tras as presións veciñais, comprometeuse cun proxecto de 19 millóns dende a Xunta e coa construción dunha comisaria dende o Goberno Central para a que nunca deixou orzamento. O mesmo día do debate da moción de censura que o desbotou do Executivo do Estado, anulou o trámite da Xunta para cambiar o uso da zona e poder dotala doutras prestacións máis alá das sanitarias. No orzamento autonómico para 2019, hai unha partida de 5,2 millóns para a construción dun Centro Integral de Saúde no Vello Xeral. Sen embargo, non hai orzamento para o derribo deste inmoble. Tamén hai 1 millón para a oficina de emprego e 500.000 para a central de biomasa aínda que non se poidan executar por ter anulado o trámite de cambio do uso. Aínda quedarían pendentes outros 11 millóns dos 19 comprometidos, que non figuran nas partidas plurianuais das contas autonómicas de 2019.

8.- VAC Costa Norte. Todo o executado ata o momento foi aprobado polo PSOE, pois o DOG do 9 de xaneiro de 2009, cos socialistas na Xunta, publicaba a licitación con 50 millóns das obras do único treito feito: o que discorre entre Celeiro e San Cibrao. Son 8 quilómetros. O PP tardou en facer estas actuacións 8 anos, executando 1 quilómetro por ano. Non fixo nada na Variante de Viveiro máis que retrasala, pois cambiou o trazado que o PSOE consensuou cos veciños, xerando protestas, especialmente en Magazos, a zona máis afectada. Hoxe os viveirenses non coñecen o novo proxecto que din ter.

9.- Corredor Nadela Sarria e desdobramento integral. O PSOE no Goberno da Xunta executou con 106 millóns as obras do Corredor Nadela Sarria e comprometeu o seu desdobramento integral. Dende entón, o PP non fixo nada. No orzamento de 2019, inclúe agora unha partida de 1 millón para un desdobramento parcial dende a Pobra a San Xiao a Sarria. Trátanse de 11,5 quilómetros valorados con 23 millóns, segundo o PP. Quedarían 22 millóns e facer o desdobramento integral que piden os veciños.

10.- Corredor Sarria Monforte: O PSOE autorizou en xuño de 2008 en Consello da Xunta un investimento de 39,7 millóns de euros para as expropiacións e as obras de construción do treito A Áspera-Monforte do corredor que une a capital de Lemos con Nadela de 10 quilómetros. As obras arrancaban no 2009 e o PP non as rematou ata 2015, 6 anos despois.

11.- Accesos Porto Seco e conexión co Corredor Sur. No orzamento de 2019, figura para os accesos do Porto Seco coa N-120 unha mesma partida totalmente insuficiente de 750.000 euros, a mesma que no presuposto de 2018. Requírense un total de 4,2 millóns. Para a conexión do Porto Seco co Corredor Sur son necesarios outros 7 millóns. Isto permitiría que Monforte fora o no loxístico do transporte de mercadorías, tal e como defende o PSOE. Hai pendentes cando menos outros 11 millóns.

12.- Montaña. Dende que o PSOE no Goberno galego destinou máis de 100 millóns de euros para mellorar as infraestruturas desta zona, a Montaña non volveu a recibir investimento algún da Xunta. Os socialistas melloraron por exemplo a estrada da Fonsagrada ao límite de Asturias con 12,4 millóns, a LU-722 de Becerreá a Navia de Suarna con máis de 11 millóns ou a LU-710 de Baralla ao Cádavo con outros 11 millóns.

Tampouco hai nada nos presupostos para a Comarca de Chantada.

Encontros Comarcais

Con todo isto, Santos Ramos apuntou que “só atendendo a algúns dos grandes proxectos que o Partido Socialista no goberno da Xunta impulsou na provincia, os que se poden cuantificar, nas contas autonómica de 2019 para Lugo faltarían cando menos 87 millóns. Manteremos encontros nas Comarcas para recoller as inquedanzas dos veciños de todos os Concellos e elaborar as emendas”.

“Dixen que hai que ser ben sen vergonza por presumir destes orzamentos para Lugo. E ratifícome porque prefiro faltar ao respecto a Feijóo, se se da por aludido, e ao Partido Popular, que a todos os veciños de Lugo”, remarcou.

0.16355395317078