O PSOE aparta temporalmente ao seu voceiro en Cospeito

TerraChaXa
Foi detido por un presunto caso de violencia de xénero nunha voda
daniel-irimia-psoe-cospeito
29 Jul 2025

O Partido Socialista decidiu suspender de militancia a Daniel Irimia, concelleiro e voceiro do grupo municipal no Concello de Cospeito, tras coñecerse que está a ser investigado por un posible delito de lesións. Os feitos ocorreron na madrugada do pasado domingo durante unha voda en Vilalba, onde Irimia tería empurrado, presuntamente, á súa parella no transcurso dunha discusión, provocando a súa caída ao chan.

O secretario xeral do PSOE na provincia de Lugo, José Tomé, confirmou este martes a suspensión cautelar do edil, subliñando que a formación “actúa de forma inmediata ante calquera indicio de violencia, e especialmente se é de carácter machista”, diferenciándose —dixo— doutras organizacións que “tardan meses en reaccionar aínda coñecendo a situación”.

Irimia foi detido pola Garda Civil e trasladado a dependencias policiais, onde permaneceu ata o luns. Acolleuse ao seu dereito a non declarar ante o xuíz e non se solicitaron medidas de protección, nin se formalizou denuncia por parte da muller.

A suspensión de militancia permanecerá en vigor ata que se aclaren os feitos e exista unha resolución xudicial que determine se hai responsabilidades. O PSOE insiste en que non tolerará comportamentos violentos nas súas filas, en liña co seu compromiso coa igualdade e a loita contra a violencia de xénero.

⚙ Configurar cookies
0.17897391319275