O PSOE asegura que o alcalde non resolve os problemas e "fuxe de responsabilidades"

TerraChaXa
Culpa dos estragos na área recreativa do río Eume a caída dunha persoa ao río
area-recreativa-do-eume-muras-estragos
A zona do suceso
2 Xul 2024

A agrupación socialista de Muras denuncia que o alcalde da localidade “nunca está no municipio e non resolve os problemas que xorden no día a día”. O PSdeG avanza que non arranxou os estragos na área recreativa do río Eume, e que esta fin de semana unha persoa caeu ao río ao non haber elementos de protección, tal e como xa advertiran no Pleno os socialistas.

A voceira socialista na localidade, Jennifer Gómez, explica que “en plenas festas de San Pedro vivimos unha situación de urxencia sobrevida, e o peor é que non había ningún dispositivo de seguridade nin de emerxencias no lugar para afrontar o que aconteceu. “A quen lle vai botar a culpa desta volta o alcalde? Non está nin se lle agarda, e nin estivo presente nas festas. Tampouco agardamos que se faga cargo das súas responsabilidades sobre o que pasou porque sempre fuxe”, indica.

Gómez lembra que o alcalde “fai sempre caso omiso das solicitudes e rogos que lle facemos dende o Grupo Socialista, pois foi no mes de agosto de 2023 cando lle pedimos que arranxaran dende o Concello os elementos de protección que había na área recreativa do río Eume, tanto os postes como a cadea, pero nada fixeron pese a ser un evidente perigo para as persoas que se achegan á beira do río”. Así mesmo, sinala que no último Pleno lle recordou este asunto e o Alcalde lle respondeu “que estas e outras preguntas que formulaba a socialista lle resultaban esgotadoras”. Pero o resultado é “evidente, vivimos unha situación de perigo real por non realizar o mantemento necesario”.

“Hoxe en día só lle interesa que o Pleno lle levante o reparo de legalidade sobre o pagamento de facturas, esquecendo que foi el mesmo quen omitiu os procedementos administrativos e establecidos pola Lei”, indica a voceira, ao tempo que engade que “o que mellor que podería facer o señor Requeijo sería dar un paso atrás e deixar que outra persoa do seu grupo político ocupase a Alcaldía, quen seguro que acometería a tarefa de máxima autoridade municipal cunha decidida vontade de diálogo. Muras sairía gañando”.

0.18788003921509