O PSOE censura a falla de políticas activas para a mellora da situación da muller no rural
O portavoz de Gandaría do Grupo Socialista, José Manuel Pérez Seco, criticou a falla de políticas activas do Goberno galego para mellorar a situación da muller no rural. Así o dixo no debate dunha pregunta oral en Comisión na que criticou que o presidente da Xunta “falla clamorosamente ao seu compromiso tanto co rural como coa igualdade da muller”.
Sinalou que no medio da que Feijóo deu en chamar a Lexislatura do Rural, e logo do seu compromiso repentino coa igualdade, logo das protestas sociais da semana pasada, sinalou que “a muller do rural atópase infrarrepresentada, fora dos espazos de toma de decisións, invisibilizada e con máis dificultades para o acceso ao mercado laboral en comparación cos homes”.
Os socialistas galegos reivindican a intervención do goberno galego á hora de preservar as condicións de vida no medio rural, que necesita urxentemente políticas activas para “o mantemento da poboación activa, dinámica e próspera”, sinaladamente para amparar o papel da muller. Estas intervencións, dixo, resultan “esenciais para a fixación da poboación, conservación do medio ambiente e relevo xeracional”.