O PSOE cualifica de "dinamita" a xestión forestal da Xunta

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
Martín Seco denuncia “trato desigual” a favor dos grandes monocultivos a raíz dunha “mala xestión e unha moratoria mal plantexada”.
bosque monte madeira forestal
25 Maio 2021

O portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Martín Seco, vén de cualificar de “dinamita” a xestión forestal da Xunta, sinaladamente logo de anunciar unha “suspensión en diferido e á carta” das plantacións de eucalipto despois de aprobar a Lei de Recuperación da Terra Agraria. Seco reclama unha verdadeira xestión forestal sostible e o reequilibro das plantacións.

Seco advirte do malestar xerado no sector pola xestión caótica do goberno galego, que uniu a publicación da Lei de Terras coas multas por plantacións derivadas da mala xestión cunha moratoria mal plantexada e o trato desigual e desequilibrado entre as plantacións que aínda poden plantar eucalipto e as máis pequenas, que o teñen prohibido dende o pasado sábado.

Explica que a moratoria que impide novas plantacións de eucalipto entrou en vigor esta fin de semana para as superficies de menos de 5 hectáreas, mentres aquelas superiores aínda poden continuar ata o próximo 3 de xullo. Isto provocou que haxa “alcaldes contradicindo a información do DOG e u montón de denuncias acumuladas, ata o punto de que en Lugo temos 76 denuncias, co conseguinte enfado dos propietarios”.

O responsable socialista sinala que a moratoria “en diferido”, anunciada meses antes da súa entrada en vigor, “provocou a expansión do eucalipto por todo o territorio e a intervención no mercado da madeira facendo caer polo chan os prezos do piñeiro”.

Martín Seco advirte de que “agora descubrimos que tamén era unha moratoria á carta, permitindo proxectos de monocultivo como o presentado pola empresa Plafor nos arredores da central térmica de As Pontes”. Este proxecto, presentado tres días despois de que o conselleiro de Medio Rural anunciara a moratoria, prevé 543 hectáreas -760 campos de fútbol- de monocultivo de eucalipto.

O parlamentario socialista reclamou a posta en marcha dos Plans de Ordenación dos Recursos Forestais –PORF- de tódolos distritos forestais nesta Lexislatura, coa “planificación dun monte multifuncional e sostible con modelos de xestión forestal para todo o territorio”. Reclama “instrumentos de xestión forestal para cada propietario ou xestor combinando criterios de produción, sociais e ambientais”.

O obxectivo, explica, é “que tódolos propietarios leven a cabo unha verdadeira xestión forestal sostible e apostando por un equilibro territorial, establecendo plantacións de especies por todo o territorio galego, rompendo co monocultivo de certas especies e mesmo imposibilitando a súa explotación en función do distrito”.

0.14298391342163