O PSOE da Pastoriza critica a actitude do alcalde ante o novo parque eólico

O PSOE da Pastoriza amosou o seu malestar tras coñecerse a autorización por parte da Xunta de Galicia do parque eólico Penas Pardas, que se situará entre os concellos de Abadín e A Pastoriza e que será promovido pola empresa Norvento.
A formación socialista cuestiona quen se beneficiará realmente deste proxecto e sinala que “os veciños e veciñas de Saldanxe seguro que non”, en referencia ás zonas máis afectadas pola instalación dos aeroxeradores.
O proxecto, que suporá un investimento de 18 millóns de euros, prevé a colocación de dez aeroxeradores cunha potencia total de 29 megavatios, dos cales 26 serán evacuables. Segundo a resolución publicada pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, os aeroxeradores alcanzarán ata 125 metros de altura, e o diámetro do rotor situarase entre 155 e 170 metros.
Desde o PSOE local lembran que en 2023 o actual portavoz popular, Darío Cabaneiro, asegurara que se poñía á fronte da lista do Partido Popular para frear os proxectos eólicos previstos na Pastoriza, e acusan ao goberno local de “non cumprir co prometido”.