O PSOE das Pontes denuncia que os orzamentos da Xunta "esquecen a localidade"
O PSOE das Pontes denuncia que os orzamentos da Xunta de Galicia esquécense da localidade e que son unas contas cun claro carácter preelectoral.
A agrupación local do PSOE nas Pontes remarca que o orzamento presentado polo goberno autonómico non contempla ningún investimento para a localidade nin para ningún dos temas esenciais para o municipio.
Así, desde o grupo local apuntan que “levamos anos insistindo na urxencia de desenvolver solo industrial no noso municipio, trátase dunha demanda que, ano tras ano, incluímos nas alegacións ás contas da Xunta de Galicia e nunca foi tida en conta. Agora, en plena transición, non só enerxética senón tamén industrial, atopámonos coa mesma situación, cero interese do goberno autonómico polas Pontes e polo seu futuro.”
Nese sentido, o PSOE das Pontes apunta que “os únicos investimentos que recibe o noso municipio proceden da Deputación da Coruña e durante os últimos catro anos, con Pedro Sánchez como presidente de España, do goberno do Estado; da Xunta o único que estamos a recibir é indiferenza e oídos xordos a todas as nosas demandas”.
“O goberno autonómico ten as competencias en materia industrial, son chave no desenvolvemento industrial e económico do noso municipio e, unha vez máis, a Xunta de Galicia, dilatando a tramitación administrativa dos grandes proxectos industriais das Pontes, que suporán un investimento de 1.127 millóns de euros e a xeración de preto de 1000 postos de traballo directos, amósanos o seu desleixo e falta de compromiso con As Pontes; só se acordan de nós en época electoral” engaden os socialistas das Pontes.
Segundo os socialistas das Pontes “A Xunta de Galicia non ten orzamento para As Pontes e non o vai ter porque o PP de Galicia pon os seus intereses políticos por diante dos intereses dos ponteses e as pontesas”.