O PSOE de Abadín acusa ao alcalde de ocultarlles información e documentos

TerraChaXa
Os socialistas de Abadín acusan ao Alcalde de vulnerar os dereitos democráticos da oposición e, polo tanto, de toda a veciñanza, ocultando información e documentos do Concello cunha “absoluta e permanente falta de transparencia” en todo o que ten que ver co funcionamento da entidade local e o diñeiro público.
equipo psoe abadin
19 Jan 2024

O rexedor “goberna a golpe de decreto” e “leva anos entorpecendo o noso labor, sen ofrecer ningún tipo de información á oposición”, asegura o voceiro do PSdeG no Concello, Pablo Díaz, quen foi contundente ao afirmar que en Abadín “vivimos nunha auténtica ditadura”.

“Non temos resposta ás solicitudes de información de ningún tipo que facemos, nin ás actas das Xuntas de Goberno, nin dos gastos, nin dos reparos de legalidade da Secretaría por gratificacións ou omisión de procesos de contratación”, asegurou o voceiro socialista. “Tamén solicitamos información de partidas de gastos diversos por diferentes cantidades, algunha de 12.000 euros, e non obtivemos resultado ningún”, explica Pablo Díaz.

Os socialistas acudiron á Valedora do Pobo en varias ocasións, pero o Alcalde tampouco atende aos seus numerosos requirimentos. “Lembroulle o seu deber legal a responder, pero sen resultado ningún”.

Incide o socialista en que o labor de control e fiscalización do Goberno local é “imposible” polo escurantismo do rexedor e do seu equipo. Destacou a gravidade da actitude do Alcalde porque “nun sistema democrático o papel da oposición é fundamental para garantir o control e equilibrio do sistema, evitando así as prácticas autoritarias, a corrupción, a falta de eficiencia e a mala xestión”.

0.17331695556641