O PSOE de Abadín afirma que a Xunta se atribúe falsamente o financiamento da nova residencia
O PSOE de Abadín, a través do seu voceiro Pablo Díaz, quere expresar publicamente o seu máis sincero agradecemento ao Goberno do Estado pola súa colaboración fundamental na construción da nova residencia de maiores do municipio. "Este proxecto, considerado unha demanda histórica da veciñanza, será posible grazas á achega de 1,2 millóns de euros procedentes dos fondos europeos, xestionados polo Goberno Central. Nese sentido, Díaz quere desmentir rotundamente as afirmacións da Xunta de Galicia, que está a vender como propia a inversión na nova residencia de maiores do municipio".
"É importante que a cidadanía teña claro que a maior parte dos fondos que fan posible esta residencia proveñen do Goberno do Estado e non da Xunta de Galicia, como se dixo", explicou Díaz. Aclarou, ademais, que aínda que a Xunta participa no proxecto, non é a responsable da achega económica, que provén dos orzamentos estatais vinculados ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
O portavoz socialista manifestou o compromiso do seu partido coa transparencia e coa verdade: "Non permitiremos que se manipule a información nin que se atribúan méritos que non corresponden. O noso deber é recoñecer os esforzos de quen realmente fai posible esta residencia, que é o Goberno Central."
"Este apoio do Goberno central é esencial para dotar a nosa poboación maior dun servizo tan necesario, garantindo 44 prazas en 22 habitacións dobres", afirmou Díaz. O portavoz socialista subliñou que esta infraestrutura mellorará notablemente a calidade de vida dos maiores de Abadín e converterase nun motor de dinamización económica para o municipio, tanto pola creación de novos postos de traballo como polo impacto positivo na actividade local.
Díaz destacou, ademais, o impacto que esta nova infraestrutura terá no municipio: "Non só mellorará a atención aos nosos maiores, ofrecendo un servizo de proximidade e calidade, senón que tamén xerará emprego e impulsará a economía local".
Para finalizar, o portavoz socialista reiterou o seu agradecemento ao Goberno do Estado e comprometeuse a seguir traballando para que proxectos coma este continúen avanzando. "O noso obxectivo é que Abadín siga progresando, e a construción desta residencia é un paso importante cara a un futuro mellor para todos os nosos veciños”, ao tempo que reiterou o compromiso dos socialistas para lograr “un futuro mellor para todos os nosos veciños a través dunha oposición que constrúe, sen deixar lugar á manipulación".