O PSOE de Abadín demanda un pleno para falar de emprego
Pablo Díaz tamén quere coñecer a valoración do Concello sobre a multa interposta ao Concello de Abadín polo Director Xeral de Saúde Pública por un importe de 3.005 euros, no polideportivo municipal.
O voceiro Socialista de Abadín, Pablo Díaz avanzou hoxe que rexistrou a petición da celebración dun pleno extraordinario, polo incumprimento do alcalde xa que non se celebrou a reunión ordinaria de maio, para coñecer as iniciativas do PP en relación á creación de emprego na nosa vila.
A Deputación de Lugo, a través do Plan Único, concede ao Concello de Abadín 354.681 euros de inversión económica que serán repartidas en diversas actuacións. “Atopámonos nun momento moi sensible, no que a nosa veciñanza reclama emprego e un futuro digno. Por iso queremos saber cales son as previsións do Goberno do PP de Abadín para a creación de emprego na nosa vila”, insistiu.
Ademais o voceiro Socialista interpela ao Goberno de López Rancaño “sobre a multa interposta ao Concello de Abadín polo Director Xeral de Saúde Pública por un importe de 3.005 euros, no polideportivo municipal. Como é posible que as veciñas e veciños de Abadín teñamos que pagar unha multa por esta contía tan elevada. E que medidas tomou o Concello para remitir esta situación?”, espetou.
Na petición do Pleno Extraordinario, Pablo Díaz tamén pregunta ao Goberno do PP pola dúas mocións socialistas, aprobadas na ultima sesión plenaria, coas que se reclamaba a recollida do servizo de lixo en Galgao, así como a retransmisión dos plenos polas redes. “Seguimos esperando a que López Racaño cumpra coa veciñanza e non lles dea ás costas unha vez máis. O Concello de Abadín necesita traballo e implicación, e non anuncios e medias verdades”, advertiu o socialista.
O voceiro dixo que “como xa nos ten acostumado o alcalde e todo o seu Equipo de Goberno, non celebramos o pleno ordinario que debería celebrarse no mes de maio pola deixadez do alcalde, tal e como indica o pleno de organización, esta é a democracia do PP. Polo tanto o Grupo Socialista de Abadín ten que optar pola vía da petición extraordinaria, co fin de dar resposta ás demandas da veciñanza e para poñer enriba da mesa os asuntos fundamentais para o benestar dos veciños ”, resumiu.