O PSOE de Abadín denuncia unha "pésima atención sanitaria" no centro de saúde local
O Grupo Municipal Socialista de Abadín denuncia a crítica situación que está a sufrir o centro de saúde do municipio, unha situación que se está a converter en insostible para os veciños e veciñas. “Esta problemática pon en evidencia o abandono por parte da Xunta de Galicia, que non están a garantir unha atención digna e adecuada”, alerta o seu voceiro, Pablo Díaz.
Nos últimos meses, explican os socialistas, o centro de saúde de Abadín enfróntase a días sen ningún médico dispoñible, “unha circunstancia totalmente inaceptable que deixa desatendidas a numerosas familias e persoas maiores que dependen da atención primaria para garantir a súa saúde. Ademais, resulta moi frecuente que as citas médicas que os veciños e veciñas conseguen con moita dificultade sexan canceladas o día antes, sen ningún tipo de aviso previo e sen ofrecer alternativas razoables”.
Así mesmo, indican que moitos veciños teñen que esperar dúas semanas ou máis para conseguir unha cita médica, e logo, á última hora, atópanse coas súas citas anuladas. Díaz detalla que “esta situación non só pon en risco a saúde da poboación, senón que ademais causa importantes prexuízos a nivel laboral e persoal, xa que moitos veciños teñen que reorganizar a súa vida para poder acudir ao médico, e finalmente vén frustrado ese esforzo por cancelacións arbitrarias”.
Ademais, o grupo socialista tamén levou mocións ao pleno do Concello para esixir solucións concretas a esta problemática, sen que, ata o momento, se obteñan resultados efectivos. Malia o respaldo da cidadanía e a mobilización da veciñanza, a situación non fixo máis que empeorar.
Os socialistas de Abadín recordan que xa levaron a cabo unha iniciativa de recollida de firmas para reivindicar melloras no centro de saúde e instar á Xunta a que reforzase o persoal e garantise unha atención médica continuada e de calidade. Malia o respaldo da cidadanía e a mobilización da veciñanza, a situación non fixo máis que empeorar.
“É inaceptable que nun municipio como Abadín, a atención sanitaria sexa tan deficiente. A sanidade é un dereito fundamental, e a Xunta de Galicia está a desatender aos veciños e veciñas, obrigándoos a desprazarse a outros municipios ou, peor aínda, a quedar sen a atención que precisan”, denuncian desde o grupo socialista.
Por todo isto, os socialistas de Abadín esixen á Xunta de Galicia que tome medidas urxentes para solucionar esta situación e que garanta que o Centro de Saúde conte cun equipo médico completo e dispoñible de forma continuada. Ademais, solicitan transparencia na xestión das citas e que non se produzan cancelacións sen previo aviso, ofrecendo alternativas realistas para evitar os prexuízos que a actual situación está a causar aos veciños.
“É hora de que a Xunta e o Sergas se tomen en serio as necesidades da xente de Abadín. A sanidade non pode ser un privilexio para uns poucos, senón un dereito ao que todas as persoas teñen que ter acceso en igualdade de condicións”, subliña Pablo Díaz.