O PSOE de Abadín denuncia a situación de abandono do colexio
O voceiro do PSOE de Abadín, Pablo Díaz López, denunciou a situación de abandono que sofren os espazos verdes do colexio público Aquilino Iglesias Alvariño.
O voceiro socialista advirte “que só faltan uns días para que comece o curso escolar e a situación de abandono que se aprecia no patio do centro escolar é bastante lamentable. Neste asunto, como en moitos outros, hai unha situación de deixadez total por parte do Goberno de López Rancaño”, dixo.
“Calquera pode comprobar a situación na que está o patio do centro público cheo de vexetación e de maleza. Por iso demandamos que de xeito urxente se acometa unha limpeza e un adecentacemento en profundidade para comezar o curso escolar con tódalas garantías”, remarcou.
Solicitude de pleno extraordinario
Pablo Díaz avanzou ademais que rexistrou no Concello unha petición para celebrar un pleno extraordinario, co fin de tratar asuntos como os investimentos do Plan Único da Deputación así como outra iniciativa socialista relacionada cos danos do lobo no municipio.
No apartado de preguntas o Grupo Socialista quere coñecer os trámites para arranxar o campo de fútbol, os informes da área recreativa de Gontán, arranxo da de Moncelos ou a inversión de 50.000 euros nunha pista de pádel, entre outras.