O PSOE de Abadín denuncia o "grave estado" da auga da traída

O Grupo Municipal Socialista de Abadín, a través do seu voceiro Pablo Díaz, denuncia a grave situación da auga da traída en varias parroquias do municipio e a pasividade do alcalde, Xosé María López Rancaño, que continúa negando os feitos pese á preocupación crecente da veciñanza.
Segundo explica Díaz, nas últimas semanas numerosos veciños advertiron de que a auga “sae marrón” en varios puntos do concello, un problema que non é puntual nin recente: “leva repetíndose desde outubro e o alcalde segue sen ofrecer nin explicacións nin solucións”.
O voceiro sinala que recentemente se rexistraron casos de gastroenterite que poderían estar relacionados coa situación: “Non podemos asegurar que sexan consecuencia directa da auga, pero é evidente que o estado da traída é preocupante e que o goberno municipal non ofreceu nin datos nin información fiable para tranquilizar á veciñanza”, subliñou.
En canto á reacción do rexedor, Díaz insiste que Rancaño mantén “a súa actitude habitual”: “Limítase a dicir que ninguén lle deu queixas, e nin sequera é capaz de aclarar se a auga é ou non apta para o consumo. Esta falta de responsabilidade é inadmisible”.
Os socialistas lembran que garantir a calidade da auga é unha obriga básica e ineludible do Concello. “Falamos dun servizo esencial para a saúde pública. O alcalde non pode escudarse no ‘non sei nada’. O mínimo é informar, actuar e garantir a seguridade da veciñanza”, advertiu o voceiro.
O Grupo Municipal Socialista reclama ao goberno local información inmediata, análises actualizadas e total transparencia, porque “a saúde dos veciños e veciñas non pode depender da improvisación nin do silencio dun alcalde máis preocupado por negar a realidade que por protexer á cidadanía”.
“Estamos ante un problema moi serio. O alcalde debe actuar xa, ofrecer información rigorosa e garantir que a auga é segura e apta para o consumo. O que non pode facer é seguir agochando a realidade e deixar a veciñanza de Abadín á súa sorte”, concluíu Díaz.