O PSOE de Abadín denuncia que o alcalde leva oito meses sen convocar un pleno ordinario
O voceiro do PSOE en Abadín, Pablo Díaz, denunciou que o alcalde do Partido Popular leva 8 meses sen convocar un Pleno Ordinario, incumprindo, deste xeito, a lei e impedindo a participación política. O socialista apuntou que esta situación vén prologándose durante toda a lexislatura pois no mes de xaneiro de 2018 o PSOE denunciou ante o Valedor do Pobo a constante vulneración deste dereito xa que só celebrara un único pleno en todo o ano. A contestación do Valedor do Pobo foi que non era necesario convocar plenos porque non había asuntos que debater e as preguntas que presentaba a oposición no rexistro do Concello eran contestadas nos Plenos Extraordinarios.
“Está claro que o señor Rancaño nin defende a democracia nin respecta aos veciños que nos votaron para defender e dar voz ás súas demandas. O Alcalde crese con dereito de pernada e de facer o que queira, dun xeito totalmente autoritario e impoñendo as súas decisións unilateralmente. Pero isto non é culpa só do rexedor, se non das persoas que están no seu partido e permítenllo. Falo de Elena Candia, de Balseiro e de Feijóo, que non fixeron absolutamente nada para remediar este problema tan grave polo que entendemos que están de acordo coa postura do Alcalde e que apoian esta forma tan baixa de facer política”.
Pablo Díaz criticou “a total indefensión á que nos ten sometido o rexedor aos grupos políticos que formamos parte da oposición e sobre todo, e máis importante, ao 30% dos veciños de Abadín que nos elixiron para representalos e que ven como sistematicamente o Alcalde os despreza”.
Dende setembro de 2015, o Alcalde do PP convocou 5 Plenos dos, cando menos, 20 que debería ter convocado, é dicir o 25% do estipulado por lei. Estes tiveron lugar en xaneiro e setembro de 2016, en xaneiro de 2017, e en marzo e maio de 2018. “Ante estas circunstancias, estamos valorando tomar medidas máis drásticas porque polo visto a actuación do Valedor do Pobo non forneceu ningún efecto”.
O PSOE denuncia que o Alcalde do PP está a vulnerar o dereito á participación política, que recolle a Constitución; a Lei da Administración Local de Galicia, que establece a obriga de celebrar sesións ordinarias do Pleno Municipal como mínimo cada 2 meses; así como o acordo do Pleno de Abadín, que o rexedor votou a favor, para a celebración de Plenos ordinarios os últimos xoves dos meses de xaneiro, marzo, maio, xullo, setembro e novembro.
O voceiro socialista tamén criticou que estean en 2019 e aínda non se aprobaran os orzamentos municipais do 2018, nin o Plan Xeral de Ordenación Municipal. “Somos dos poucos municipios na provincia que non teñen aprobado o PXOM, cando dende o PSOE levamos presentado iniciativas para sacado adiante dende o 2005; e seguimos sen ter aprobados os orzamentos do ano pasado, unha auténtica tomadura de pelo e un sen sentido. Isto ven provocado pola nefasta xestión do Alcalde e o equipo de goberno que están levando a Abadín a ser un municipio cuns servizos públicos moi deficitarios”.