O PSOE de Abadín lamenta que o Concello non dea axudas aos afectados pola covid
Agrupación Socialista de Abadín lamentou hoxe “a pouca sensibilidade e a falla de apoio e de compromiso do Goberno do PP de Abadín cos autónomos e aos empresarios da vila”. Lembran que defenderon unha moción, no último pleno, na que instaban ao Concello a implementar medidas para paliar a crise da covid, destinadas ao tecido económico da vila. "Para a financiación destas axudas reclamamos que se tiveran en conta as partidas adicadas a festas, comidas, banquetes, ou degustacións populares que non se celebraron por motivo da pandemia", din. A proposta foi rexeitada polo PP.
Concretamente solicitaron a través dunha moción “unha convocatoria de axudas para impulsar a actividade económica no concello dirixido aos sectores máis perxudicados por os efectos do covid-19. E tamén que os cargos políticos do concello, con dedicación total ou parcial, destinen un 30% do seu soldo dun mes para sufragar estas liñas de axudas”.
O voceiro socialista Pablo Díaz López advirte ademais que o propio rexedor anunciou que habería axudas. “Pero unha vez máis comprobamos como Rancaño só deu un titular bonito, porque á hora da verdade vemos como da palabra ao feito, non hai absolutamente nada de nada. Non entendemos que despois de 9 meses dende a declaración do estado de alarma, non houbera ningún tipo de axuda para paliar os efectos do coronavirus”, criticou.
“Si o Goberno do PP de Abadín non é capaz de xestionar os recursos económicos en favor dos nosos autónomos, dos nosos empresarios do pequeno comercio local ou dos nosos gandeiros. A quen pensa axudar o concello cos nosos recursos públicos?, porque aos veciños non, como puidemos comprobar na sesión plenaria. A que esperan para actuar?”, dixo.
Desbroce de camiños
Ademais sinala que nesta mesma sesión tamén defenderon unha proposta para “realizar o desbroce de camiños, pistas así como o seu mantemento”. Sobre esta iniciativa o Goberno de Rancaño, “sorprendentemente respostou que non existe ningunha queixa veciñal, e que se está a facer un correcto mantemento e desbroce dos camiños con medios propios e externos”. “Polo tanto a maleza e as herbas seguiran medrando polos nosos camiños e polas nosas parroquias, mentres o Goberno Municipal segue mirando cara outro lado”, resumiu.