O PSOE de Abadín pide a comparecencia en Pleno dos concelleiros do Goberno

TerraChaXa
O grupo municipal socialista de Abadín presentou unha moción para pedir a comparecencia dos concelleiros responsables de cada área.
19 Feb 2021

O grupo municipal socialista de Abadín presentou unha moción para pedir a comparecencia dos concelleiros responsables de cada área de Goberno para dar explicacións da súa xestión.

Segundo indican, dende que se nomearon os distintos concelleiros, "aínda non tivemos tempo de escoitar aos concelleiros populares nos plenos".

Aseguran que en todo momento é o alcalde o que contesta ás preguntas que se lles fan aos concelleiros "non permitindo que foran os interpelados os que deran as oportunas explicacións".

Demandan en concreto a información de Judit Anido, concelleira de Desenvolvemento Sostible; Jesús Cendán Seijo, de Medio Ambiente; Germán Ramil Souto, de Deportes, e Patricia Fraga, de Benestar Social en comparecencia en Pleno.

PLENO

Por outra banda, no Pleno non saiu adiante a moción para a recollida de residuos en Bicos e Samordás, lugares da parroquia de Galgao. Os socialistas aseguran que o alcalde indicou que non había previsto contedores nestes lugares e que habería que facer un estudo das necesidades pero aportan unha folla do estudo realizado no que si existía a indicación de ter que colocar contedores.

"Volvimos esixir ao alcalde que dote dun servizo de recollida de lixo os veciños de Bicos e Os Samordás e que non falte á verdade", din.

Tampouco saiu adiante a moción na que pedían a retransmisión dos plenos que o alcalde "deixou sobre a mesa".

0.1512188911438