O PSOE de Abadín pide para os veciños a implantación de axudas ao pago da luz

TerraChaXa
O PSOE presentará unha moción no seguinte pleno no que solicita que se inicien os procedementos para a concesión de axudas.
muíños parque eólico
17 Feb 2022

O grupo municipal do PSOE presentará unha moción no seguinte pleno no que solicita que se inicien os procedementos para a concesión de axudas ao pago da factura da luz para os veciños durante o ano que comeza.

Esta medida ten o obxectivo, como subliñan, de "garantir o nivel de calidade de vida e de benestar de todos os veciños do concello, especialmente a suficiencia económica da terceira idade, xa que constitúe o sector maioritario da nosa poboación".

Tamén queren deste xeito compensar "a xeración de riqueza dos nosos recursos naturais explotados por empresas con sedes fiscais fóra do noso territorio e tamén compensar o impacto ambiental de forma directa nos veciños e veciñas", así como fomentar o asentamento de poboación.

Esta moción prodúcese nesta tempada na que as rendas dos parques eólicos aos municipios que os manteñen está a levantar un debate popular. Abadín conta con varios parques eólicos polo que o PSOE considera que "a riqueza que xera o noso concello co vento, debe repercutir de maneira directa nas persoas qeu levan viviendo dende hai séculos neste territorio, ademais de compensar o impacto medioambiental, tanto na paisaxe da contorna como pola contaminación acústica".

O PSOE faise eco de medidas parecidas que se tomaron en concellos limítrofes e pide unha partida de gastos que poda subvencionar o consumo eléctrico tanto de particulares como dos negocios.

0.19286108016968