O PSOE de Abadín quere levar a Pleno a atención primaria e outros servizos
O Grupo Municipal Socialista de Abadín vén de solicitar un Pleno Extraordinario para abordar os problemas máis urxentes e preocupantes que sofre estes días a veciñanza de Abadín, como son o grave deterioro que sofre a Atención Primaria no municipio, o precario servizo de abastecemento de auga e a deficitaria cobertura móbil.
Así o anunciou hoxe o voceiro do PSdeG, Pablo Díaz, quen considera vital que o Concello informe das xestións que fixo para dar solución á falta de médicos e de pediatra no Centro de Saúde. “No ano 2019 os nenos e nenas de Abadín quedaron sen o servizo de pediatría. Dende entón son atendidos por un médico de familia dúas horas semanais, e cando falta non se substitúen as vacacións, nin baixas con outro facultativo”, detalla. Nese sentido, os socialistas demandan unha declaración institucional para solicitarlle á Xunta de Galicia, a administración que ten as competencias en sanidade, que adopte “de inmediato as medidas necesarias para acadar un servizo pediátrico suficiente e de calidade no noso concello”.
Díaz subliña tamén que en menos de un ano se xubilaron dous médicos –un no verán pasado e outro esta primavera- e que esas prazas quedaron baleiras, ninguén as ocupou. “A Xunta non enviou a ningunha persoa a ocupar estes postos de traballo que son fundamentais para prestar unha atención digna e de calidade aos nosos veciños e veciñas”. Por iso, cre que se debe aprobar un acordo para esixirlle á Consellería de Sanidade que repoña e cubra, “polo menos unha das prazas canto antes para poder dar atención ao cupo de pacientes que quedaron sen médico titular”.
Os socialistas xa presentaron ante a Consellería de Sanidade máis de 1.000 sinaturas que recolleron por todas as parroquias o verán pasado urxindo medidas ante o grave deterioro da atención sanitaria na localidade.
Un servizo de abastecemento de auga deficitario
O Grupo Municipal Socialista tamén esixirá no Pleno medidas ante a grave situación que vén padecendo a veciñanza polo estado do servizo de abastecemento de auga do municipio. “Pedimos que se priorice e se fagan os investimentos necesarios para darlle unha solución definitiva a esta problemática que sofren moitas as familias ano tras ano. Necesitamos unha boa rede de abastecemento municipal de auga potable”, subliña.
“Esta non é a primeira nin a segunda vez que os socialistas do municipio poñemos riba da mesa o deficitario que é este servizo, de competencia única e exclusiva do Concello, e non o dicimos nós, senón que o establece a Lei 7/1985 do 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime Local, no seu artigo 25”, lembran.
Remarca Pablo Díaz que son moitos os núcleos de poboación que padecen esta realidade, como son os de Vilarente, Gontán, As Goás, Abeledo, Fraiás, Castromaior ou Aldixe, entre outros. “Os veciños fannos chegar a diario queixas de que non teñen auga, de que levan días sen subministración ou de que teñen fugas nas instalacións”, precisa o voceiro socialista.
Mellora da cobertura móbil
No mesmo Pleno extraordinario, o PSdeG esixirá medidas para paliar a deficiente cobertura móbil que teñen as parroquias de Abadín. “Entrados no século XXI non pode ser que o sinal sexa tan débil en lugares como Montouto, Romariz, As Goás, Aldixe ou Moncelos, que non permita nin facer chamadas. Isto provoca enormes prexuízos para a veciñanza, sobre todo tendo en conta que a nosa poboación é maior e son moitas as persoas que viven soas e están incomunicadas, é moi grave”, subliña o voceiro.
O Grupo Municipal Socialista pide que o Concello de Abadín vele polo bo funcionamento dos servizos dos cidadáns e que poña en coñecemento desta situación á Xefatura Provincial de Telecomunicacións de Lugo á maior brevidade posible.