O PSOE de Abadín reclama ao alcalde que non convocase o pleno de xullo

O PSdeG-PSOE de Abadín denuncia que o alcalde, Xosé María López Rancaño, volveu incumprir o acordo plenario que establece a celebración periódica dos plenos ordinarios, ao non convocar o correspondente ao mes de xullo, que debía celebrarse o venres 1.
O voceiro socialista, Pablo Díaz López, sinala que o pleno ordinario estaba previsto para o día 25 de xullo, pero ao coincidir con festivo debía reprogramarse, segundo marca o propio regulamento e o calendario aprobado pola Corporación. “Nada se sabe da nova data, nin se nos informou, nin hai vontade de convocalo. O alcalde non respecta os acordos plenarios”, denuncia.
Para o grupo municipal socialista, esta actitude revela un desprezo absoluto pola vida democrática no Concello de Abadín, xa que os plenos son o principal espazo de control ao goberno, de rendición de contas e de atención ás demandas da veciñanza. “Se non hai plenos, non hai preguntas, non hai debate, non hai resposta aos problemas reais da xente. E iso é exactamente o que busca o alcalde”, engade Pablo Díaz.
Desde o PSdeG tiñan previsto levar ao pleno varias cuestións urxentes, entre elas a situación do CEIP de Abadín, que leva meses sen conserxe tras a xubilación do anterior traballador. A falta de información e de previsión por parte do goberno municipal está a xerar preocupación entre as familias, que temen que o curso escolar comece sen cubrir esta praza fundamental para o funcionamento do centro.
Outra das cuestións que os socialistas querían poñer enriba da mesa eran os problemas recorrentes na traída de auga na parroquia de Castromaior, que seguen sen solución a pesar das queixas veciñais.
“O alcalde prefire calar os problemas antes que afrontalos. Prefire silenciar os plenos antes que dar explicacións. Pero desde o PSdeG imos seguir denunciando esta falta de responsabilidade e esixindo que se respecte o funcionamento democrático do Concello”, conclúe o voceiro socialista.