O PSOE de Abadín reclama control de accesos e plan de limpeza no pavillón municipal

O PSdeG-PSOE de Abadín agradeceu publicamente a información achegada por Puzzle Animación S.L. sobre un episodio de mal uso do pavillón municipal e cualificou os feitos de “lamentables”, ao tempo que reclamou actuacións inmediatas por parte do Concello. “Ao tratarse dunha instalación municipal, a información debería saír do propio Concello, porque o mantemento págamolo entre todos e todas”, sinalan.
O grupo socialista advertiu contra as insinuacións que poidan sementar sospeitas sobre todos os usuarios: “Non todo o mundo é igual”, subliñan. No plano propositivo, reclaman saber con claridade quen ten as chaves do pavillón e establecer a figura dun porteiro ou persoa responsable que leve un rexistro de quen entra e quen sae.
Sobre a vixilancia, o PSOE indica que, de haber cámaras instaladas, “o normal é que se revisen” e non se agarde a novos incidentes. Con todo, consideran que o esencial é poñer orde na xestión: “O problema é un mal uso das instalacións consentido por quen é responsable delas e das chaves”, afirman, facendo fincapé na necesidade de responsabilidades claras.
En materia de limpeza, propoñen fixar días e horarios e manter unha folla de rexistro, de maneira que, ante calquera incidencia, se dea parte de inmediato a quen corresponda. “As instalacións públicas son de todas e todos; se se empregan mal, pagámolo entre todos”, lembran.
Os socialistas sosteñen que o Concello é o único encargado de garantir a seguridade, a orde e a limpeza do pavillón e critican que o alcalde “vai a remolque das circunstancias”. Por iso, pídenlle “sensatez na xestión dos servizos municipais” e que priorice o correcto funcionamento das instalacións fronte a outros asuntos “que non lles importan aos abadinenses”.