O PSOE de Abadín reclama información sobre a planta de biometano prevista en Quende

O PSdeG-PSOE de Abadín expresou a súa profunda preocupación pola posible instalación dunha planta de biometano na parroquia de Quende, un proxecto anunciado recentemente polo alcalde a través dos medios de comunicación. Os socialistas consideran que se trata dun asunto de gran relevancia, "tanto polo seu impacto potencial na saúde das persoas e dos animais como pola afectación que podería ter na calidade do aire, da auga e do medio ambiente".
Desde a formación denuncian que o goberno local volve actuar “con total falta de transparencia”, xa que aseguran non ter recibido ningún tipo de información oficial sobre o proxecto por parte do Concello. Critican tamén que a ubicación da planta se estea a decidir “con absoluto secretismo”, sen ofrecer á veciñanza a posibilidade de coñecer os detalles da iniciativa nin de participar na súa valoración.
“O máis grave é que non se nos permite opinar nin decidir sobre algo que pode cambiar o noso territorio e o noso modo de vida”, sinalan desde o grupo socialista, que reclaman que se abra un proceso de consulta cidadá para analizar os efectos da instalación.
Ademais, cualifican de “vergoñento e penoso” que o alcalde, "despois de máis de corenta anos de mandato sen promover proxectos que impulsen o desenvolvemento económico sostible de Abadín, pretenda agora traer unha planta destas características e sen ofrecer garantías nin explicacións claras”.
O PSdeG de Abadín pide responsabilidade, transparencia e información pública inmediata por parte do executivo municipal, e advirte de que seguirá de preto o proceso para garantir que se respecten os dereitos e a voz da veciñanza.