O PSOE de Abadín reclama un Pleno extraordinario para pedir a volta do médico trasladado a Vilalba

TerraChaXa
Os socialistas reclaman unha resposta inmediata ante unha decisión "que deixa a Abadín cunha atención sanitaria insostible"
centro-saude-abadin
19 Dec 2025

O Grupo Municipal Socialista de Abadín vén de solicitar a convocatoria dun pleno extraordinario para abordar con carácter urxente a situación sanitaria do concello tras o traslado dun médico do centro de saúde de Abadín ao de Vilalba, "unha decisión que deixa ao municipio cunha atención médica insostible e supón un novo golpe á Atención Primaria".

Segundo explican os socialistas, a marcha deste facultativo supón que o centro de saúde quede cun único médico para atender unha poboación maioritariamente envellecida, unha circunstancia que “compromete seriamente a calidade da atención sanitaria e a continuidade asistencial”, dous piares básicos para garantir unha asistencia digna á veciñanza.

O PSdeG sinala que, tras producirse o traslado, recibiron numerosas queixas por parte da cidadanía, que percibe esta perda como “un novo recorte nos servizos públicos básicos do concello”. Ante esta situación, os socialistas reclaman que o goberno municipal do PP tome cartas no asunto, asuma responsabilidades e "defenda os intereses da veciñanza, instando ao retorno do médico trasladado, cuxa marcha supón unha importante perda para todas as veciñas e veciños".

Os socialistas consideran preocupante e xa habitual a falta de reacción do equipo de goberno ante esta problemática, unha pasividade que contrasta coa proactividade demostrada noutros concellos da contorna, como Guitiriz, Xermade ou Láncara, onde si se apoiaron mobilizacións veciñais en defensa da sanidade pública.

A moción rexistrada polo PSdeG insta á Consellería de Sanidade a proceder ao retorno do médico trasladado ao centro de saúde de Abadín e, no caso de que ese retorno non sexa posible, reclama a cobertura inmediata da praza vacante para evitar que o concello “continúe perdendo recursos humanos na Atención Primaria”.

Na proposta tamén se recolle a demanda de que a Consellería non siga aplicando recortes de persoal sanitario e se adopten medidas que permitan garantir unha dotación estable de profesionais no concello. Así mesmo, reclaman a recuperación do servizo de pediatría e a posibilidade de estudar incentivos locais que faciliten a chegada e permanencia de médicos no municipio.

Os socialistas conclúen que a perda dun médico non pode asumirse “con resignación nin silencio institucional” e subliñan que “o goberno municipal de Abadín ten a responsabilidade de posicionarse con claridade e firmeza cando está en xogo un dereito básico como é o acceso á atención sanitaria”.

⚙ Configurar cookies
0.075987100601196