O PSOE de Abadín solicita un Pleno para falar sobre o abastecemento de auga nas parroquias
O Grupo Socialista de Abadín solicitou un pleno extraordinario para abordar a problemática do abastecemento de auga que están sufrindo a veciñanza de Abadín. Así o anunciou o voceiro de Abadín, Pablo Díaz, quen remarcou “que o servizo é moi deficitario, e estamos recibindo queixas de moitos núcleos, como por exemplo en Gontán ou nas parroquias de Fraiás ou Vilarente”, incidiu.
Estes mesmos dias o Grupo Socialista de Abadín fíxose eco das denuncias dunha familia da parroquia de Vilarente (Cabanela), que se manifestou ás portas do Concello de Abadín, por mor dos constantes cortes de auga que sofren na súa vivenda habitual. Hai que lembrar que nesta parroquia non existe saneamento municipal, nin abastecemento de auga. Advirten de que a traída de auga municipal que abastece a este núcleo do municipio “é ilegal”, e lembran que o propio Concello xa foi sancionado por este motivo.
Os socialistas de Abadín demandan ademais información sobre a sanción imposta pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil ao Concello por un importe de 1.373,33 euros, “polo aproveitamento sen concesión administrativa previa de augas subterráneas procedentes de tres mananciais do lugar de Fonte Ovelleiros con destino ao abastecemento de Cabanela e Vilaseñor, na parroquia de Seivane de Villarente”. E tamén queren coñecer a potabilidade da traída de auga desde a ETAP ata o depósito de Monte Argan, e que dá servizo ás vivendas de Vilarente, A Graña, Moncelos, Baroncelle, Aldixe, e parte de Castromaior e As Góas.
Teñen dereito por Lei
Pablo Díaz lembra que, segundo recolle a normativa, concretamente nos artigos 18 e 25 da Lei de Réxime de Bases Local, “os veciños teñen dereito ao subministro de auga potable no domicilio e a evacuación e tratamento de augas residuais. “Por iso nos parece urxente solicitar esta pleno para dar solucións á veciñanza de Abadín ante a problemática do abastecemento de auga na nosa vila. Queremos solucións e non escusas diante dos cortes de auga que están sufrindo as familias do noso Concello”, dixo.