O PSOE de Begonte solicita o arranxo da vía de acceso ao centro de saúde

TerraChaXa
O PSOE de Begonte esixe ao PP á fronte do Goberno local o arranxo integral da vía municipal que dá acceso ao centro médico, así como ao centro sociocultural.
centrosaudebegonte
14 Mar 2018

O PSOE de Begonte esixe ao PP á fronte do Goberno local o arranxo integral da vía municipal que dá acceso ao centro médico, así como ao centro sociocultural. Trátase da estrada que vai dende o coñecido como cinturón comarcal (LU-P-1611) ata a N-VI pola que, a cotío, discorren centos de veciños para, principalmente, ir ao seu centro de saúde.

Os socialistas demandan actuacións que inclúan, ademais da mellora do firme, a limpeza e o perfilado das cuñetas, pois a obstrución das mesmas e, incluso, a inexistencia delas nalgún treito, é a principal causa do seu estado de abandono desta vía. Hai acumulacións de auga que dificultan o tránsito e provocan o levantamento do firme.

O voceiro do PSOE en Begonte, Ramón Campos Rodríguez, explicou que rexistraron unha moción para o seu debate no Pleno municipal, que terá lugar o venres 16, esixindo ao Executivo local do PP estas actuacións, así como a mellora da estrada municipal que vai dende Illán de Abaixo ata o campo de fútbol de Illán, tamén en mal estado.

“É necesario o arranxo destas vías, así como doutras municipais, que o PP dende o Goberno local non ten xustificación algunha para mantelas en este estado de abandono, máis alá da súa desidia, pois é evidente que os populares nin tan sequera están a realizar as imprescindibles tarefas de mantemento das estradas do Concello para evitar estas situacións. Ademais, hai que ter en conta que, grazas ao Partido Socialista no Goberno da Deputación, o Concello de Begonte vén de recibir a través do Plan Único preto de 300.000 euros, que se poden empregar na mellora destas e doutras estradas municipais máis”, salienta o voceiro socialista.    

0.24203395843506