O PSOE de Castro acusa ao alcalde de deficiencias na xestión

TerraChaXa | LugoXa
O portavoz socialista no Concello de Castro amosou a súa preocupación polas “deficiencias de xestión” recollidas no informe de Intervención.
Casa_Concello_Castro_de_Rei
20 Nov 2022

O portavoz socialista no Concello de Castro de Rei, José Luis Castro Tellado, amosou a súa preocupación polas “deficiencias de xestión” recollidas no informe anual de Intervención, referidas ó ano 2021.  Para o voceiro socialista, resulta "especialmente grave a constatación de que no pago de 117 facturas do Concello emitíronse informes de reparo por omisión de requisitos e trámites esenciais”.

O Grupo Socialista de Castro de Rei anunciou que “reclamará explicacións ó alcalde”, Francisco Balado, “pola reiterada ausencia de tramitación de expedientes de contratación en gastos de carácter periódico e reiterativo”. Así mesmo, esperan tamén que o concello “tome nota da necesidade de contar cun Plan Anual de Control Financeiro, que estivo ausente durante o ano 2021”.

O informe anual da Intervención insta ó concello a mellorar “a tramitación dos procedementos de contratación”, a implementar “medidas de control de gasto” asi como a elaborar un “plan estratéxico de subvencións”. Os socialistas sinalan tamén que o concello ten que avanzar na “ordenación do persoal, para cumprir cas medidas recollidas na lei de 2021 de Medidas Urxentes para a Redución da Temporalidade no Emprego Público”.

“Parece evidente que o funcionamento do concello de Castro de Rei é moi mellorable, e dista de acomodarse ás boas prácticas, transparencia e control que deben caracterizar a xestión pública”, dixo o portavoz socialista. “Os socialistas lamentamos esta situación e estaremos vixiantes para comprobar que se adoptan as medidas correctoras oportunas para corrixir un modelo de xestión que non compartimos e que, dende logo, non poñemos en práctica alí onde gobernamos”.

0.29812908172607