O PSOE de Castro de Rei demanda a limpeza dos roteiros

TerraChaXa | LugoXa
O Voceiro Socialista de Castro de Rei demanda ao Concello que limpe, desbroce e acondicione as rutas que percorren o municipio.
limpeza roteiro castro de rei psoe portada
28 Xul 2022

O voceiro Socialista de Castro de Rei, José Luis Castro Tellado, demanda ao Goberno do PP no Concello que limpe, desbroce e acondicione as rutas que percorren o municipio. O Voceiro Socialista fíxose eco das queixas e denuncias dos usuarios da ruta BTT, que une os concellos Castro de Rei e Outeiro de Rei, e tamén dos visitantes que realizan a Ruta do Azúmara. “Comprobamos que estas dúas sendas están intransitables, cheas de maleza, e sen ningún tipo de mantemento para poder percorrelas”, denuncian.

Castro Tellado non entende como en plena época estival o “Concello non ten preparado un dispositivo de limpeza para estas dúas rutas, que son dous atractivos turísticos máis do noso concello", remarca.

Hai que lembrar que a ruta BTT, que ten un percorrido total de 90 quilómetros, “e foi presentada no seu día como unha iniciativa para dar a coñecer o patrimonio, os espazos naturais e os símbolos de cada un dos concellos”. Sen embargo, subliña o socialista, “esta ruta está sen adecentar e sen limpar”.

O mesmo ocorre coa ruta do Azúmara, moi coñecida entre os sendeiristas da provincia, que comeza no Museo Arqueolóxico do Castro de Viladonga, un auténtico referente da vida castrexa en Galicia, “pero polo que se ve ao noso Concello non lle interesa promocionar nin os nosos recursos arqueolóxicos, nin paisaxísticos”.

“Instamos ó Goberno do PP a poñerse a traballar para mellorar a limpeza das nosas rutas e dos nosos espazos verdes, xa que son un aliciente turísticos máis, e polo tanto debemos de coidalos e preservalos”, avanzou o voceiro.

0.18563389778137