O PSOE e o SLG mobilizaranse o mércores ante a situación da sanidade en Castro de Rei

LugoXa | TerraChaXa
Alba Sinde indica que se sumarán á concentración convocada polas familias o vindeiro 23 de outubro diante do Centro de Saúde de Castro de Ribeiras de Lea
cocentracion-pediatras-castro-de-rei
21 Out 2024

O grupo municipal socialista de Castro de Rei, concentrarase en protesta pola precaria situación da sanidade pública no concello. A súa voceira, Alba Sinde, sinala que apoiarán ás familias que convocaron para o vindeiro mércores, 23 de outubro más 13:00 horas fronte ao Centro de Saúde de Castro Ribeiras de Lea unha concentración. Unha medida reivindicativa que ten como obxectivo visibilizar o profundo malestar da poboación pola falta de cobertura pediátrica e outras deficiencias nos servizos de atención primaria.

Sinde explica que a protesta convócana as familias afectadas dos concellos de Castro de Rei, Outeiro de Rei e Cospeito, que levan semanas denunciando que os seus fillos e fillas non teñen garantida unha atención pediátrica regular. "A situación é insostible", explica a voceira do grupo socialista, porque "falamos da saúde dos nosos veciños e veciñas, e en especial dos máis pequenos. É inaceptable que esteamos a vivir este nivel de precariedade nun servizo tan esencial como a sanidade pública".

Falta de substitucións no servizo pediátrico

Os socialistas destacan que o principal problema está na ausencia de substitucións cando a pediatra habitual se ausenta, por motivos de enfermidade ou outras razóns. Esta situación, denuncian, está a deixar ás familias na incerteza constante de non saber se ese día contarán ou non cunha consulta pediátrica. A pediatra, como calquera profesional, indican, ten todo o dereito a coller baixas ou permisos, pero as familias tamén teñen o dereito de que o servizo non quede sen cubrir.

A falta de planificación e substitucións está a crear o que Sinde cualifica de "baleiro" na atención pediátrica. "As familias sinalan que non poden seguir tolerando esta situación. Estanas informando no mesmo día de se hai ou non atención, e moito menos aceptar que quen cubra estas ausencias non sexa un pediatra especializado. Isto non pode ser a norma nun sistema que debe garantir unha cobertura mínima, estable e de calidade. Son as principais queixas que nos trasladan", indica Sinde.

O PSOE de Castro de Rei tamén se fai eco do chamamento que fan as familias para que os veciños e veciñas se coordinen e presenten reclamacións masivas ante o Sergas para denunciar esta situación. Para iso pódense usar os impresos dispoñibles tanto nos centros de saúde de Castro de Rei, Outeiro de Rei ou Cospeito, como a app do Sergas mediante a Chave 365, para rexistrar formalmente as súas queixas.

Unha sanidade moi deficiente

Ademais do servizo de pediatría, os socialistas denuncian que hai unha carencia xeral de médicos de atención primaria nos centros de saúde de Castro de Rei. "A escaseza de profesionais médicos está a facer que a poboación quede sen a atención sanitaria que precisa. As listas de espera seguen a medrar, e a calidade da atención reséntese día a día", explica Sinde.

A isto súmanse os recentes problemas de potabilidade da auga da billa no concello, que están a crear unha situación crítica para os veciños e veciñas de Castro de Rei. Segundo o grupo socialista, "estamos ante unha situación onde o dereito á saúde está sendo vulnerado en varias frontes, tanto pola precariedade dos servizos sanitarios como polas condicións hixiénicas básicas que tamén se ven afectadas."

O PSOE de Castro de Rei insta á Xunta de Galicia a que actúe con urxencia ante esta situación. "Non podemos seguir mirando para outro lado. O Goberno de Rueda ten que asumir as súas responsabilidades e garantir que todos os veciños e veciñas teñan acceso a un servizo sanitario público de calidade, que cubra todas as especialidades de maneira continua e estable", conclúe Alba Sinde.

Os socialistas comprométense a seguir traballando para que a situación mellore, e continuarán apoiando as protestas e as accións que sexan necesarias para defender o dereito á saúde dos seus veciños e veciñas.

SINDICATO LABREGO GALEGO

Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) apoian tamén a mobilización reclamando unha atención pediátrica de calidade para as crianzas, procedendo a substituír as baixas da profesional asignada.

"Dende o Sindicato Labrego temos denunciado en reiteradas ocasións a precarización que a atención primaria e as especialidades teñen sufrido nos últimos anos, con especial incidencia no rural. Concellos da Terra Chá, coma Abadín, Muras, Xermade, Guitiriz ou Vilalba non contan coas prazas de profesionais cubertas", din.

Ademais a principios de ano iniciaron unha campaña informativa con charlas e a proxección do documental Destruír É o Plan da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Galega SOS Sanidade Pública, as últimas realizadas en Vilalba e Friol, "para achegar información e un debate moi necesario do que está a acontecer coa privatización da sanidade: a falta de profesionais e as carencias materiais responden a unhas políticas que debilitan os servizos públicos para favorecer os centros médicos privados".

Explican que na Terra Chá o escenario é tan grave que danse moitos días nos que non hai persoal médico de ningún tipo e directamente os centros están pechados." Noutras ocasións un so profesional ten que atender o cupo de dous ou tres médicos".

"Esta situación -máis acentuada no rural se cabe- é inaceptable, e é consecuencia de máis dunha década de políticas de xestión sanitaria que foron paulatinamente deteriorando este servizo esencial para a poboación ao tempo que impactou negativamente na saúde dos propios/as profesionais pola carga de traballo inasumible e o estress o que se ven sometidos", conclúen.

0.19212102890015