O PSOE de Castro de Rei presenta a súa candidatura

TerraChaXa
O PSOE de Castro de Rei presentou este mércores aos veciños a candidatura para as próximas eleccións, liderada por José Luis Castro Tellado, que debuta na política municipal.
cASTRO DE REI
18 Maio 2019

O PSOE de Castro de Rei presentou este mércores aos veciños a candidatura para as próximas eleccións, liderada por José Luis Castro Tellado, que debuta na política municipal. No acto participaron o Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, a Deputada do PSOE no Congreso, Ana Prieto, e o Deputado do PSOE no Parlamento Galego, Luis Álvarez.

Castro Tellado agradeceu a confianza depositada na súa persoa para encabezar o proxecto dos socialistas en Castro de Rei e subliñou que “presentamos un grupo moi unido, con moitas caras novas, que teñen a ilusión e as ganas de traballar por mellorar o noso Concello”.

O candidato do PSOE explicou varias das propostas que quere desenvolver como a creación de vivendas sociais no municipio, para fixar poboación, sobre todo xente nova; executar un Plan Integral para mellorar as traídas, os abastecementos e os depósitos de auga das parroquias para un correcto funcionamento das mesmas, obtendo unha mellor calidade da auga no Concello; e renovar e acondicionar as beirarrúas e o alumeados públicos, sobre todo en Castro de Rei. “Faremos todo isto porque o PP ten abandonadas as infraestruturas e dotacións públicas do rural dende que chegou ao goberno, hai 8 anos. É necesario un cambio de xestión xa para que non existan máis diferenzas entre uns veciños e outros.

Analíticas no centro de saúde de Castro de Rei e máis horas de SAF
No eido do benestar, o socialista destacou que “xestionaremos coa Xunta de Galicia a posibilidade de realizar unha vez á semana analíticas no centro de saúde de Castro de Rei. É unha vella demanda dos veciños que están obrigados a desprazarse ata o centro de saúde de Castro Ribeiras de Lea porque no outro ambulatorio no existe dito servizo. Tamén ampliaremos o número de horas do Servizo de Axuda no Fogar, achegaremos axudas ás familias en risco de exclusión social e poremos en marcha medidas para facer máis doada a conciliación laboral e familiar”.

Máis de 1,2 millóns de euros da Deputación
O Presidente puxo en valor os máis de 1,2 millóns de euros achegados polo Executivo Provincial para financiar melloras en prestacións públicas municipais. Campos Conde detallou varias das actuacións como a mellora de accesos en Piñor, Sabugueiro ou Currás, a pavimentación da pista de baloncesto de Pacios, a rehabilitación da rúa Xosé Trapero Pardo ou as melloras na Casa do Concello, a biblioteca ou o pavillón deportivo. “Neste orzamento non están incluídos 2 proxectos fundamentais do Goberno da Deputación situados no Concello de Castro de Rei, como son o centro de recría e o centro experimental de leite, que xeran novos empregos e dinamizan a economía da vila”.

Preparados para gobernar
O PSOE de Castro de Rei presenta unha lista “preparada para gobernar”. As persoas que integran a candidatura son José Luis Castro Tellado, Lucía Tojeiro Lamas, Carlos Sinde Basanta, María Josefa Folgueira Lage, Juan José Díaz Valiño, Trinidad Castro Docando, José María Campo Castro, Ana María Canto Rodríguez, José Manuel Fernández Lorenzo, Beatriz Mouriz Lorenzo, Julio Rodríguez Veloso, Marisa Rodríguez Gigan, Luis Veiga Veiga, Mario Saavedra Pérez, Mónica Expósito Rodríguez, Iría Campo Piñeiro, José Carballeira Valiña e Isabel Barja Crecente.

0.18723797798157