O PSOE de Cervo maniféstase en contra da subida das taxas no Pleno

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
Segundo explica o Partido Socialista do Concello de Cervo, no último pleno , o goberno do PP de Cervo aprobou a subida de dezasete ordenanzas fiscais.
19 Nov 2019

Segundo explica o Partido Socialista do Concello de Cervo, no último pleno , o goberno do PP de Cervo aprobou a subida de dezasete ordenanzas fiscais.

Os socialistas manteñen que algunhas destas taxas, inflúen en certos servizos dos que se pode prescindir, pero outras moitas afectan á vida diaria dos veciños ou a xestións de imperiosa necesidade, como poden ser as taxas de recollida de lixo (suba dun 9%, amortiguada pola bonificación de SOGAMA), taxas de saneamento, taxas de servizos deportivos, licencias de obra, trámites catastrais ou incluso axuda no fogar.

Dende o Grupo Municipal Socialista afirman que "esta subida non é necesaria posto que o noso Concello vén de cerrar as súas contas con superávit e conta cun remanente duns 3 millóns de euros, por isto o lóxico sería trasladar a suposta bonanza os veciños e non seguilos penalizando subindo impostos".

Tamén manifestan que “neste momento estamos totalmente en contra porque consideramos que mermará a dispoñibilidade ou o aforro das familias e afundirá aínda máis a pequenos empresarios e autónomos, e sobor de todo, porque esta subida non se traduce nin na ampliación nin na mellora dos servizos”.

"E por se a xustificación fose a de encontrar a estabilidade orzamentaria e a sostibilidade financeira", dende o Grupo Municipal Socialista propónselle ó grupo de goberno do PP outras alternativas, como poden ser: recortar os salarios dos propios membros do goberno, reducir os importes pola asistencia a Xuntas de Goberno (150 euros por sesión) ou prescindindo dos servizos do Asesor de Comunicación co que conta o Concello de Cervo e que se pode considerar totalmente innecesario.

O GOBERNO LOCAL

Pola súa banda, a edil de Facenda, Dolores García Caramés, explicou que no pleno "aprobouse unha actualización de diferentes taxas", un procedemento normal, nada excepcional "tal e como tamén se actualizan os gastos que ten, por exemplo, calquera Administración".

Caramés recordou que o Concello de Cervo xestiona publicamente a gran maioría dos servizos que presta á veciñanza "servizos como por exemplo o sanenamento, a auga ou a recollida de lixo, que no seu día o PSOE privatizara, e que recuperamos cando chegamos ao Goberno".

É comprensible que esta preferencia do PSOE de Cervo pola xestión privada e non pola pública -engadiu- "o leve a ser impreciso nas súas manifestacións sobre esta materia".

0.097043991088867