O PSOE de Cospeito critica o acondicionamento das áreas recreativas
Os socialistas de Cospeito mostraron o seu malestar polas declaracións do alcalde de Cospeito, o popular Armando Castosa, nas que se fai referencia ao acondicionamento das áreas recreativas e praias fluviais de Porto en Pino e de Xustás, "porque son falsas de principio a fin".
Segundo explican os socialistas, Cospeito conta con tres áreas recreativas. A de Pino e a de Xustás, de titularidade municipal, pero a de Muimenta é propiedade dos veciños, "pois foron eles quenes compraron os terreos e os acondicionaron". Engaden os responsables do PSOE que esta área é usada por xente de fora e que o Concello conta alí co depósito de abastecemento de augas, e que nos últimos anos tamén teñen que acondicionar os veciños esta zona. O costume é que os veciños se xunten para eses traballos, "porque o mesmo depósito municipal atópase nun estado de total abandono, cando sería obriga do concello o seu acondicionamento", din.
As áreas recreativas de Pino e Xustás constaban no catálogo de Praias de Galicia como praias fluviais, "pero levamos varios anos nos que o Concello non fai os deberes, e a de Pino perdeu tal condición, debido a que, malia ter numerosos avisos por parte de Sanidade para que limparan os accesos para poder coller mostras, o goberno municipal nunca o fixo e a día de hoxe esta posibilidade está perdida".
Os socialistas asegurna que non é posible o baño "pola desidia dos gobernantes que sempre argumentan que teñen que solicitar permisos e non sei cantas máis cousas". Engaden que ao ter condición de praia fluvial, o concello non tería siquiera que solicitar permiso.
Aa área recreativa de Xustás segue a manter a condición de Praia fluvial, "pero non por mérito do goberno municipal, senón dos veciños que sempre se arraxan para ter limpos os accesos para que poidan tomar as mostras", din. "O que unicamente acondicionou o concello en Xustás foi a zona das mesas nas islas e beiras do río, pero non a zona do palco, a igrexa, a escola e o teleclube, do que se encarga a asociación de veciños que hai anos contaba para elo cunha aportación económica municipal, ao igual que a de Muimenta, pero últimamente estas axudas foron suprimidas, correndo os veciños con todo", explican os socialistas.
Ademais, os socilistas aseguran que moitas das obras que anunciou o alcalde non se fixeron. Referente ó campo de futbol, din que simplemente se cortou a herba pero as porterías están rotas e oxidadas e deixouse maleza sen retirar para acceder. Sobre as pasarelas indican que quedaron pizarras movidas e os baños están nun estado lamentable "coas portas con tablas podres e retortas, onde a humidade se cheira ao lonxe, non contan con luz, e a auga cóllese dun depósito".