O PSOE de Cospeito denuncia o abandono dos restos da poda
A concelleira socialistas de Cospeito, Rosa Morán, denunciou o estado no que o Concello deixou unha finca municipal situada nas inmediacións do centro médico e do colexio de Muimenta, onde se acumularon os restos da poda realizada recentemente nos xardíns infantís.
Como explica a concelleira, "dende que tivo lugar a tala, fai dous meses, os restos continúan depositados nesta finca, de titularidade municipal o que vai en contra da ordenanza que temos aprobada para loitar contra o feísmo".
Para o PSOE trátase dunha situación molesta e perigosa para os veciños "non só polo aspecto de abandono que supón, senón polo perigo de incendio que ten esta madeira abandonada agora que chega o verán e as secas".
"Se o Concello esixe aos veciños que teñan as súas fincas en bo estado non pode ser que eles mesmos teñan unha finca municipal en semellante estado en pleno centro urbano de Muimenta, e sobre todo, cando hai unha planta de compostaxe á que se poden enviar estes restos", explican.
Por todo isto o PSOE propón ao Concello que lles indique aos veciños que aproveitando o San Xoán pasen a recoller os que queiran os restos para a tradicional queima. Se a situación non se remedia os socialistas aproveitarán o primeiro pleno, que aínda non foi convocado, para facer a conseguinte denuncia.