O PSOE de Cospeito indica a urxencia dun cambio de goberno

TerraChaXa
A candidata do PSOE á alcaldía de Cospeito, Rosa Morán Luaces, subliñou que “rematada a lexislatura, chegou a hora das propostas, propostas en positivo, propostas realistas nas que levamos pensando moito tempo para que o noso concello progrese, porque consideramos que as cousas pódense facer doutro xeito”.
24 Maio 2019

A candidata do PSOE á alcaldía de Cospeito, Rosa Morán Luaces, subliñou que “rematada a lexislatura, chegou a hora das propostas, propostas en positivo, propostas realistas nas que levamos pensando moito tempo para que o noso concello progrese, porque consideramos que as cousas pódense facer doutro xeito”. Díxoo no mitin celebrado este xoves no municipio, no que estivo acompañada polos membros da candidatura e pola Alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín.

A candidata socialista comprometeuse a “traballar con dedicación, ilusión, agarimo e coa vontade de dar o mellor de nós mesmos para conseguir facer de Cospeito un concello mellor. Somos conscientes da necesidade dun cambio urxente de goberno municipal. É o momento de poñer en marcha o noso municipio, de terminar co inmobilismo que levamos arrastrando durante tantos anos, e para iso non estou soa, pois acompáñanme veciños e compañeiros que decidiron sumarse a este proxecto para facer de Cospeito un lugar cheo de oportunidades”.

Morán Luaces presentou os seus proxectos para o futuro do municipio entre os que destaca a elaboración dun Plan Estratéxico Municipal de Servizo Públicos, baseado na reparación e asfaltado das vías públicas, establecemento de puntos para o depósito de residuos agrarios así como a súa recollida efectiva, creación dun punto limpo, limpeza e mellora das infraestruturas tanto de abastecemento de auga potable coma de depuración e tratamento de augas residuais ou a instalación de contedores de lixo e reciclaxe, especialmente nos núcleos rurais.

Ademais, entre as propostas do PSOE de Cospeito tamén se atopa a especial atención aos servizos sociais, iniciativas para axudar ás pequenas empresas, autónomos e fomentar o emprego, un Plan de Mellora para as explotacións gandeiras, a promoción do patrimonio cultural e natural, o fomento do turismo rural, o impulso do deporte local ou a creación dunha Agrupación de Asociacións Municipais.

0.15051007270813