O PSOE de Cospeito pide actuacións urxentes na xestión do tráfico fronte ao CPI Virxe do Monte

O Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de Cospeito levou ao Pleno Ordinario celebrado o martes varias cuestións de interese veciñal, entre elas a situación de desorde viaria durante as entradas e saídas do CPI Virxe do Monte, a falta de actualización da web institucional do Concello e a imaxe da Casa Consistorial.
No que respecta á seguridade viaria no CPI Virxe do Monte, os socialistas advertiron do caos que se produce nos horarios de entrada e saída do alumnado, especialmente os luns e venres, cando os vehículos ocupan as zonas reservadas aos autobuses escolares. “As sinalizacións están borradas e os autobuses non poden estacionar de forma segura, poñendo en risco aos nenos e nenas que cruzan dende calquera punto”, explicaron. O PSdeG solicitou que o Goberno local comprobe de primeira man esta situación e que proceda a repintar tanto a zona de estacionamento de buses como o bordo da beirarrúa que circunda a igrexa.
Por outra banda, o Grupo Socialista reclamou a reposición da bandeira do municipio no balcón da Casa do Concello, así como a actualización da información da páxina web municipal, que segue sen recoller a composición da nova Corporación nesta lexislatura. A este respecto, sinalan que “poden parecer cuestións menores, pero revelan unha falta de respecto institucional cara ao noso Concello e cara á veciñanza, ademais dunha preocupante deixadez da imaxe pública que ofrece o propio Concello. Un goberno local non pode transmitir esta sensación de abandono institucional”, advertiron.
Ademais, o PSdeG formulou unha serie de preguntas sobre o Campamento de Verán municipal, cuxo prazo de inscrición rematou o 2 de xuño. Pedíronse datos sobre o número total de solicitudes, se se cubriron todas as prazas nas dúas quendas, cal é a empresa adxudicataria e o orzamento destinado a este servizo.
No apartado de resolucións da Alcaldía, o PSdeG de Cospeito destacou dúas actuacións que foron abordadas no pleno: a sinatura dun convenio de colaboración para o arranxo de pistas nas parroquias do Pino e Goá (as zonas Guldeiros e A Xoca, respectivamente), así como unha intervención no chan da escola infantil cun custo de 2.420 euros.
“A realidade é que estas actuacións chegan tarde e despois de moitas preguntas feitas polos socialistas. Levamos meses reclamando solucións nestes lugares e só agora, unha vez que o PSdeG comprobou a situación sobre o terreo e o puxo enriba da mesa, o goberno decide actuar”, sinalaron.
Sobre a escola infantil, os socialistas lembran que xa advertiran do mal estado exterior do edificio e que solicitaran visitar o interior para comprobar as deficiencias, sen obter resposta. “Agora aproban unha intervención sen ter facilitado previamente a inspección solicitada polo noso grupo. É outro exemplo da falta de transparencia e da política de espellos que practica o goberno local: só actúan cando se senten sinalados”, afirman.
“O noso compromiso é seguir levando ao pleno as necesidades reais da veciñanza e fiscalizar a acción de goberno para que haxa transparencia, responsabilidade e resposta ás demandas da cidadanía”, concluíron.