O PSOE de Cospeito pide axilidade na execución do Plan Único
O grupo municipal socialista de Cospeito, con Rosa Morán á cabeza, mostrou a súa satisfación polo inicio do proceso para a realización das obras de mellora da estrada que une o Concello con Vilalba.
A Xunta de Goberno da Deputación aprobou a proposta en relación do expediente tramitado para a contratación desta obra, " moi importante para o noso Concello, e moi demandada polos veciños pola necesidade de arranxo dende hai moitos anos", indica Rosa Morán.
Trátase da rehabilitación do firme da estrada LU-P-6501 ao seu paso polas parroquias de Santalla de Rioaveso e Sistallo, pertenecentes ao concello de Cospeito. Esta actuación, cun custo aproximado de 150.000 €, contempla tamén dous tramos desta mesma vía, dentro do casco urbán de Feira do Monte, un tramo duns 500 m pola zona do Museo das Aves e outro tramo que vai por diante da Casa do Concello ata a LU-111.
A obra enmárcase dentro do Plan 15 millóns , consiste nun Plan Extraordinario de rehabilitación de firmes de vías provinciais do 2017 ao 2019, e que son solicitadas polos Concellos.
Os socialistas de Cospeito indican que "valoramos moi positivamente o gran impulso que dende a Deputación están dado ás estradas provinciais no noso Concello e aproveitamos para reclamarlle aos gobernantes de Cospeito que axilicen as obras incluídas no Plan Único do 2017 en estradas municipais, para ás que a Deputación xa adiantou os cartos, pero seguen sen executar". Trátase da pista que vai de Cerveiro ao transformador en Goá, un tramo do Pozo en Muimenta, varias rúas en Muimenta, próximas ao centro de saúde (Aquilino Iglesia e Santa Mariña), a que vai á Lagoa, a de Castelo-Roas e a pista de Bouza. "Todas estas obras municipais, coma moitas outras, atópanse nun estado lamentable, por iso non entedemos que non se teñan feito hai tempo, cando a deputación xa ten adiantados os cartos, esperemos que tan pronto como mellore o tempo empecen as obras", dixo.
"Tendo en conta que xa está aprobado o Plan Único para o 2018, esperemos que Cospeito continúe, grazas á aportación da Deputación, co arranxo de pistas que se atopan en estado case intransitable ao longo de todas as parroquias do noso Concello. Moitas destas pistas están deterioradas no proceso de sacar madeira e como as empresas non teñen depositada fianza, logo hai problemas para que as arrranxen, indican".