O PSOE de Cospeito pregunta sobre o PXOM, obras, o punto limpo e o SAF

TerraChaXa
O Concello iniciará tamén a licitación do PXOM con outra empresa xa que está case finalizado o proceso de rescisión do contrato coa actual.
Casa_concello_Cospeito
16 Abr 2021

O Concello iniciará tamén a licitación do Plan Xeral con outra empresa xa que está practicamente finalizado o proceso de rescisión do contrato coa empresa actual. Así o informou ao PSOE o alcalde de Cospeito, Armando Castosa, xa que os socialistas presentaron ao Concello unha serie de preguntas sobre temas de actualidade no Concello.

Castosa afirmou que os trámites seguen o seu curso e que se ofertará un novo contrato en breve.

O alcalde tamén se defendeu das críticas sobre a construción dun parque biosaudable en terreos comunais. Asegurou que os veciños cederon os terreos de forma voluntaria e que non se fixo unha reunión para informalos pero que se falou con todos. Malia esta contestación, algúns veciños afirman que non se fixo desta forma.

Por outra banda, o PSOE di que hai moitas facturas xurídicas que seguen sen pagarse no Concello e invitou ao ente municipal a utilizar os servizos da Deputación neste particular.

Así mesmo, preguntaron polo contrato do Servizo de Axuda no Fogar, xa que se está a cambiar de empresa. Os socialistas demandaron información sobre dito proceso, interesados en “que as condicións non empeorasen nin para as traballadoras nin para os usuarios”. O Concello informou de que o contrato non está aínda pechado.

Así mesmo pediron explicacións sobre unha factura publicitaria, os pagos do canon e as axudas autonómicas ao desenvolvemento.

Interesáronse pola estrada que comunica a ponte do Somo co barrio dos Curros en Roás, que ía ser licitada e que está en condicións deplorables. Sobre este particular o alcalde avanzou que se prevé que as obras estén rematadas antes do verán.

Sobre o punto limpo, servizo sobre o que o PSOE preguntou en varias ocasións, informouse de que agora xestiónao unha empresa privada que utiliza o punto limpo de Outeiro de Rei. A recollida de residuos faise porta por porta previo aviso ao Concello.

Os socialistas interesáronse tamén pola actividade das madereiras e reclamaron máis vixilancia da súa actividade, xa que está a causar graves danos na infraestrutura viaria municipal. O alcalde informoulles de que había unha única empresa que depositou a fianza.

Finalmente obtiveron o compromiso do concello de que no barrio de Pino, as catro casas que quedaron sen alumeado público disporán del “en canto sexa posible”. Daquelas non se puxo porque non había postes, explicou Castosa.

0.19335007667542