O PSOE de Cospeito presenta unha serie de alegacións á iniciativa 'Concellos doing business Galicia'

TerraChaXa
O grupo socialista de Cospeito presentou no seu concello unha serie de alegacións e reclamacións á adhesión ao protocolo de actuación entre a FEGAMP e a Xunta de Galicia para fomentar a implantación de empresas en Galicia mediante a creación da iniciativa Concellos doing business Galicia.
psoe cospeito
21 Mar 2018

O grupo socialista de Cospeito presentou no seu concello unha serie de alegacións e reclamacións á adhesión ao protocolo de actuación entre a FEGAMP e a Xunta de Galicia para fomentar a implantación de empresas en Galicia mediante a creación da iniciativa Concellos doing business Galicia. Segundo indican esta acción supón unha serie de modificacións de distintas ordenanzas fiscais no Concello que perxudican moito ao plan económico actual e pode supor unha subida importante dos impostos.
Segundo indican, na primeira alegación din que resulta evidente que non era necesaria a urxencia para a firma deste Protocolo , non hai data concreta que restrinxa a posterior adhesión, polo tanto , consideramos que non é axeitado levar este tema de urxencia a un Pleno ordinario, sen ter ocasión sequera de poder lelo antes , aínda máis, cando leva consigo a modificación de distintas ordenanzas fiscais. É por iso que o primeiro que alegamos son os trámites, de aí a nosa abstención no Pleno, non podemos votar nin a favor nin en contra, algo que nin sequera temos ocasión de ler, e moito menos cando conleva, a modificación de ordenanzas fiscais.
Engaden que neste protocolo fálase de bonificacións segundo o número de postos de emprego a crear, non se fala para nada de manter, nin sequera se menciona como teñen que ser eses contratos, simplemente se fala de tramos de bonificacións segundo o número de postos de traballo creados. Hoxe en día, debido á precariedade dos contratos, podería ser posible contratos de moi curta duración. Non se fala da duración nin condicións dos contratos, e isto posibilitaría a picaresca por parte dalgunha empresa para conseguir a bonificación para construcións e posteriormente desentenderse, porque, en ningún momento este Protocolo esixe manter contratos no tempo, cando, pola contra, o que si di é que o Concello ten que bonificar polo menos tres anos os impostos. Non menciona se o emprego ten que ser creado no propio Concello ou que porcentaxe de novos empregos teñen que ser de xente empadroada en Cospeito. Parece inxusto, e considerámolo un Protocolo coxo nestes aspectos tan importantes. Tampouco fai referencia ás consecuencias do incumprimento do acordado. Por certo, non faltan exemplos disto no noso Concello, lembremos, sen ir máis lonxe o que aconteceu coa Pranta de Compostaxe de Cospeito, neste caso, unha das condicións para a venda de terreos nas que se construíu, aprobado tamén en Pleno, era a creación e mantemento no tempo de polo menos 15 postos de traballo, e nos anos que leva en funcionamento nunca subiu de oito traballadores.
En terceiro lugar din que visto que este Protocolo supón unha modificación das ordenanzas fiscais, consta un Informe de Intervención desfavorable, polo que consideramos que se pretendía por parte do goberno municipal, levantar un reparo de intervención en Pleno. Isto, resulta sospeitoso da ocorrencia da tramitación de urxencia sen ter acceso pola nosa parte ás condicións das ordenanzas , considerámolo un intento de engano e ocultismo, pois na explicación oral que deu o Alcalde da nova ordenanza, nunca falou de tal Informe de Intervención, e moito menos de que era desfavorable. Os membros da oposición non tivemos tempo material para poder examinalo, posto que se nos deu no propio Pleno, e como é normal, estábamos atendendo ao que ía a este Pleno con varias preguntas importantes pola nosa parte.
Examinando o propio Informe de Intervención, o que nos atopamos non é máis alentador, ven a dicir que ao estar sometidos a un Plan de Axuste dende o 2012, no que se contemplaban unhas previsións para reducir a débeda, non podemos modificar tan alegremente unha ordenanza fiscal, podería afectar á esencia mesma para o que foi creado o Plan de Axuste, tanto máis sen ter efectuado un estudio minucioso das consecuencias que poderían ter estas bonificacións, como se indica no Informe. Incluso nel, se deixa ver, que non se levaron a cabo tódalas subas de impostos que se contemplaban no plan, e non vaia ser que por estar bonificando impostos a empresas de nova creación , teñamos que subir os impostos a tódolos veciños do Concello , ás empresas que levan anos implantadas e que con moito esforzo van saíndo adiante, ou aos gandeiros que tamén viron como aumentaban considerablemente os impostos nos últimos tempos. Parécenos moi inxusto, que por incentivar a creación de novas empresas sen asegurar postos de traballo, se prexudicase a outras que levan moitos anos sostendo emprego.
O PSOE considera que non é coherente, que se nos veña dicindo dende hai dous anos, no momento no que tivo lugar a regularización catastral, que non eran posibles bonificacións no IBI para gandeiros, baixadas de este imposto ou outras que propoñíamos , e que agora con Informe de Intervención desfavorable, polo mesmo motivo (plan de axuste), si sexa posible. Nin coherente, nin xusto, precisamente tendo en conta que no noso Concello os postos de traballo relativos á agricultura e gandería supoñen a maior porcentaxe. Como se lles pode explicar aos gandeiros que non se puido bonificar o IBI das súas explotacións, como si o fixeron moitos concellos veciños, e agora si se o pode facer para empresas de nova creación?. Non consideramos beneficioso para o noso Concello, bonificar a imaxinaria creación de postos de traballo para empresas de nova creación e non contemplar ningún tipo de bonificación para empresas que leven tempo instauradas , empresas familiares ou gandeiras que atravesan dificultades para manter os postos de traballo estables que levan moito tempo sostendo. Dende logo, parece incomprensible, que non se axude a manter o que hai, cando atravesa dificultades e se opte por bonificar únicamente empresas de nova creación.
Tendo en conta que, a día de hoxe, Cospeito non conta con solo industrial, o futuro polígono industrial de Feira do Monte está iniciando os trámites, pero falta moito por facer, por exemplo, a expropiación de terreos, e aínda que todo saia ben, tardarase un tempo para que as empresas poidan implantarse, e máis, para que poidan crear emprego. Se nos referimos ao de Muimenta, na propia páxina de Xertur se indica que non hai solo dispoñible, sen mencionar para nada ningunha ampliación. Non é entendible entón, tanta presa pola firma deste Protocolo.
Non entendemos porque para percibir as bonificacións ten que tratarse de empresas de nova creación, e non poidan ser beneficiarias tamén calquera empresa ou gandería instaurada actualmente no noso Concello, e interesada en crear emprego.
Segundo consta no Protocolo, un dos compromisos da Xunta de Galicia é establecer unha discriminación positiva a favor daqueles concellos solicitantes de subvencións destinadas a investimentos e gastos nos eidos industrial, do emprego e do emprendemento, cando as mesmas sexan convocadas en réxime de concorrencia competitiva por calquera Consellería ou entidade pertencente ao sector público autonómico de Galicia, mediante a regulación das bases da convocatoria dun criterio específico neste senso no que o baremo de puntuación supoña, cando menos o 20% do total. Consideramos que este punto tampouco non está nada claro e que máis ben é un canto ó sol, porque por exemplo para a concesión dos obradoiros, deben ser valorados polo seu obxecto en si mesmos, consideramos que un obradoiro débese puntuar pola memoria ou proxecto que debe desenvolver, motivación, innovación, repercusión e outras consideracións que deben ser en realidade o que verdadeiramente se debe valorar, e non a adhesión ou non a un Protocolo que non garante claramente o fomento do emprego. A concesión dun obradoiro debe ser puntuado e concedido polo posible fomento de emprego en sí mesmo e non por outras cuestións, debe argumentar a utilidade e a adaptación ás necesidades de emprego dos principais sectores económicos do Concello, para que logo as empresas poidan empregar á xente saída e formada nese obradoiro, senón serán meras axudas, na maioría das veces para un rendemento electoralista.
Resulta desconcertante a referencia que se fai no Protocolo ó réxime xurídico porque expón claramente que se limita a establecer as pautas de actuación sobre unha cuestión de interese común para as partes asinantes, tratándose dun acordo programático ou declarativo e sen eficacia obligacional, cuxo cumprimento non é susceptible de ser esixido xuridicamente. Pero pola contra, este mesmo Protocolo ten esixencias moito máis contundentes para os concellos, como son a modificación de distintas ordenanzas fiscais, co que isto pode supor para os mesmos, neste caso principalmente para o noso Concello, posto que como se indica no Informe de Intervención, estas esixencias, entran en clara contradición co Plan de Axuste que temos en vigor dende o 2012, e que ten por finalidade acadar a tesourería necesaria para facer fronte aos compromisos derivados da operación de préstamo para o pago a provedores e a correcta financiación dos servizos municipais de xeito que o orzamento do concello e a súa execución garanta a obtención de remanente de tesourería axustado e aforro neto positivo e se cumpran os parámetros de estabilidade orzamentaria, regra de gasto e período medio de pago a provedores. A modo de resumo, e por todo o anteriormente exposto, consideramos que se trata dun protocolo baseado en obrigas para os Concellos, asumindo unhos custos e unhos trámites que segundo a nosa maneira de ver, deberían ser asumidos pola Xunta de Galicia, e non como acontece con este Protolo, que esixe un gran esforzo aos Concellos,nalgunhos temas ó borde da legalidade.
Por úlitmo, aseguran que en ningún momento nos opoñemos á implantación de empresas de nova creación e que fomenten o emprego no noso Concello, todo o contrario. Pero non por iso, podemos adherirnos cegamente a un Protocolo que consideramos supón unha discriminación para outras empresas e autónomos , así como para o sector gandeiro, que queiramos ou non, segue sendo o noso motor económico. Consideramos que de ter que modificar ordenanzas fiscais para aplicar bonificacións , deberíase facer nun sentido máis amplo, abarcando a máis sectores, facendo un estudio riguroso de todos estes impostos , do que pode supor, e non dunha maneira arbitraria e inxusta. Se falamos do IBI, contemplamos a ampliación de bonificacións a máis sectores e unha posible rebaixa do tipo impositivo. Se falamos do imposto de Actividades Económicas, por ser este un imposto solo aplicable a empresas e autónomos que facturen máis dun millón de euros anuais, bonificalo, sería sempre bonificar aos máis grandes, o cal debería tamén ser estudiado en profundidade. E se falamos da bonificación do Imposto sobre Construccións ,Instalacións e Obras, que seguramente sería o imposto polo que máis se recadaría, podería quedar moi limitado, precisamente polas empresas que máis poderían aportar, cando o resto de empresas, autónomos, gandeiros ou calquera outro veciño ten que pagar por calquera obra ou renovación que faga sen posibilidade algunha de bonificacións. Se a todo isto, engadimos que este Protocolo supón que a estas empresas non se lles esixirá a taxa por licencia de obra nin apertura, ademáis de axilizar a concesión de permisos, conlevando que o Conrcello deberá tramitalos nun prazo máximo dun mes dende que se presenta a documentación e permisos, a discrimanación para co resto dos veciños, empresas, autónomos e gandeiros é máis que considerable e inxusta.
 

0.168940782547