O PSOE de Cospeito propón a construción dunha residencia e potenciará o emprego

TerraChaXa
O PSOE de Cospeito presentou este xoves aos veciños a candidatura coa que concorre ás Eleccións Municipais do 26 de maio, que encabeza a actual voceira local, Rosa Morán.
COSPEITO
20 May 2019

O PSOE de Cospeito presentou este xoves aos veciños a candidatura coa que concorre ás Eleccións Municipais do 26 de maio, que encabeza a actual voceira local, Rosa Morán. No acto tamén participou o Deputado do PSOE no Parlamento Galego, Luis Álvarez, acompañado de militantes da comarca.

Rosa Morán destacou que “como punto de partida comprometémonos á elaboración dun estudio profundo da situación actual do Concello para facer unha valoración realista, tanto da situación económica coma das infraestruturas e servizos, da que daremos conta a toda a veciñanza, tras case 30 anos de políticas nefastas do PP. Un dos nosos eixes principais será executar un Plan de recuperación dos servizos públicos municipais, pois na actualidade se atopan nun estado lamentable polo abandono do Alcalde. Para iso, rehabilitaremos as estradas, limparemos e melloraremos os abastecementos e os depósitos de auga, crearemos un punto limpo, instalaremos contedores de lixo e reciclaxe, así como puntos de recollida para residuos agrarios. Todo iso co obxectivo de rescatar o rural da discriminación que sofren polas políticas da dereita do Partido Popular”.

Construción dunha residencia de maiores
“Prestaremos especial atención aos servizos sociais do noso Concello para que os nosos maiores conten cunha mellor calidade vida. Dende o PSOE impulsaremos a construción dunha residencia da terceira idade pública para atender unha necesidade moi demanda polos nosos maiores en Cospeito. Melloraremos a atención domiciliaria, realizando un seguimento e control especial para aquelas persoas que viven soas. Dotaremos de asistencia social aos demais colectivos vulnerables e promoveremos unha rede de voluntariado para visitar aos maiores ou dependentes nas súas casas”, explicou Morán.

Xeración de emprego e axudas a gandeiros
“Crearemos un viveiro de empresas para acoller as de nova creación e consolidar as existentes, poñendo a disposición delas unhas instalacións e servizos a uns custos mínimos. Poremos en funcionamento unha Bolsa de Emprego Municipal para axudar aos veciños en situación de desemprego, aos que remataran a súa formación ou aos que desexen mellorar a súa situación laboral. Tamén ofreceremos obradoiros adaptados ás necesidades das empresas e axilizaremos a xestión de solo industrial”.

A candidata socialista subliñou a necesidade de establecer un plan de mellora para as explotacións gandeiras de Cospeito. Para iso, o PSOE creará unha Oficina Agraria Municipal que aporte o asesoramento técnico necesario en materia de subvencións, transferencia de explotacións, PAC..., aplicará bonificacións do IBI rural e fomentará as concentracións parcelarias.

As asociacións como motor dinamizador das parroquias
Rosa Morán sinalou que “queremos que as asociacións de Cospeito sexan o motor dinamizador das nosas parroquias, constituíndo unha agrupación de todas elas. Convocaremos reunións para coñecer as necesidades que teñen as entidades locais e incluílas nos orzamentos municipais, e garantiremos a igualdade de oportunidades na achega de subvencións.

2 millóns achegados polo Goberno da Deputación
Os socialistas de Cospeito puxeron en valor os 2 millóns destinados polo Goberno do PSOE na Deputación durante estes 4 anos para mellorar as prestacións públicas e sociais do Concello. Neste eido, detallaron varias das actuacións financiadas polo organismo provincial como a mellora dos accesos ao cemiterio de Pino, a dotación dun parque biosaudable en Xustas ou a posta en marcha do Museo das Zocas en Muimenta.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.19213199615479