O PSOE de Cospeito propón un plan municipal para mellorar as pistas e camiños rurais

O Grupo Municipal Socialista de Cospeito defenderá esta tarde no pleno ordinario unha moción para a elaboración dun Plan Municipal de Mellora de Pistas e Camiños Rurais, co obxectivo de dar resposta ao deterioro que presentan estas infraestruturas básicas no municipio.
O voceiro socialista, Daniel Irimia, sinala que a ampla rede de vías rurais resulta esencial nun concello de marcado carácter agrogandeiro como Cospeito, tanto para garantir o acceso ás explotacións como para facilitar a mobilidade da veciñanza e contribuír á prevención de incendios. Porén, denuncia que o seu estado actual, con fochancas, problemas de drenaxe e falta de mantemento, está a dificultar a actividade diaria e a competitividade do sector primario.
Desde o PSOE consideran insuficientes os investimentos realizados ata o de agora, limitados principalmente a achegas doutras administracións, e reclaman unha maior implicación municipal e unha actitude máis reivindicativa para captar fondos.
A proposta inclúe a creación dun inventario actualizado das pistas, a súa clasificación segundo uso e estado, e a definición de criterios técnicos comúns para as actuacións. Ademais, formulan establecer un programa anual con dotación económica suficiente e garantir un mantemento periódico das vías, así como solicitar apoio á Xunta de Galicia para financiar as melloras previstas.
No apartado de control ao goberno, o grupo socialista tamén formulará preguntas sobre a situación da Escola Infantil Municipal, tras unha inspección da Xunta que detectou deficiencias como a falta de persoal e a ausencia de seguros obrigatorios, interesándose polas medidas adoptadas para corrixir estas carencias. Ademais, cuestionan a xestión do Servizo de Axuda no Fogar, preguntando se se prevé ampliar o número de usuarios tras a mellora do financiamento autonómico ou reorientar os recursos económicos.
Por último, o PSOE trasladará varios rogos, entre eles a finalización das obras pendentes na contorna das vivendas sociais de Muimenta e a mellora do servizo de recollida de lixo, solicitando máis contedores en zonas como Porto, en Pino, onde consideran insuficiente a dotación actual.
Na orde do día do Pleno figura tamén a adhesión ao convenio marco en materia de envases domésticos e ao de Ecovidrio.