O PSOE de Cospeito volverá presentar unha moción pedindo axudas á hostalaría

TerraChaXa
O PSOE de Cospeito presentará outra moción ao próximo pleno, que se celebrará mañá, para solicitar varias medidas para apoiar á hostalaría.
hostalaria terrazas covid
28 Mar 2021

O PSOE de Cospeito, que xa solicitou axudas para os autónomos polas perdas xeradas pola pandemia en numerosas ocasións con anterioridade, presentará outra moción ao próximo pleno, que se celebrará mañá, para solicitar varias medidas para apoiar á hostalaría, entre as que se inclúen axudas de 1.000 euros para cada un dos establecementos hostaleiros e de restauración da localidade afectados polos peches ou restricións.

A maiores, o grupo socialista propón ao Concello suspender a cobranza pola utilización das terrazas mentres a situación deste sector non normalice, así como non cobrarlles o recibo de auga nin o de lixo durante dous trimestres.

Como explican na moción, "o sector da hostalaría e restauración vén de sufrir especialmente as consecuencias da pandemia da covid-19 dende hai un ano, tendo que ter pechado durante algún tempo ou aberto nunhas condicións que merman considerablemente os seus ingresos. Aínda que existen axudas doutras administracións, non sempre son suficientes".

Engaden que "os concellos, como administracións máis próximas e coñecedoras das situacións reais, deben tamén
colaborar". Indican que na maioría dos concellos galegos, dun xeito ou doutro, achegan iniciativas para paliar esta situación.

Os socialistas de Cospeito consideran que as súas propostas son factibles xa que hai partidas como as destinadas a festas, feiras e outros eventos que non se celebraron que poden utilizarse.

0.18819117546082