O PSOE de Foz mostra o seu descontento co anteproxecto da nova EDAR

TerraChaXa | AMariñaXa
Trala presentación de Augas de Galicia do novo Anteproxecto para a depuradora de Foz, o PSOE quere destacar "o enorme retraso que leva o Proxecto e a falta de rigorosidade.
11 Mar 2019

Trala presentación de Augas de Galicia do novo Anteproxecto para a depuradora de Foz, o PSOE quere destacar "o enorme retraso que leva o Proxecto e a falta de rigorosidade. Hai que lembrar que o anterior documento foi rexeitado en novembro do 2016 por unha declaración de impacto ambiental negativa e non  entendemos como foron necesarios dous anos e medio para a súa corrección, cando todos os anos se consignan presupostos para despois non mover nin unha pedra".
Como recalcan a depuración de augas residuais é un dos servizos básicos fundamentais que os concellos teñen que garantir a todos os veciños e "a actual EDAR de Foz, situada na explanada do porto, non ten capacidade suficiente para a depuración das augas fecais do núcleo e presenta outros problemas como continuos malos olores".
Os socialistas definen o novo anteproxecto como "decepcionante". "Estase a perder unha oportunidade única para resolver os problemas da rede de saneamento de Foz.  Imos continuar cos problemas de sempre e vanse xerar outros novos, o que resulta inadmisible", explica Fran Cajoto.
Os socialistas destacan a falta de rigor no Anteproxecto  porque non contempla actuar sobre a rede de saneamento en Foz, que é unitaria, polo que as augas fecais continuarán estando mesturadas coa auga de choiva. "Isto resulta moi chamativo nestes momentos, xa que se pretende bombear gran parte da auga que chove en Foz ata Froxán, co gran custo que isto vai supoñer para os veciños do Concello. Van continuar os problemas habituais en episodios de tormentas en zonas como Rego de Foz", engade.
"As augas fecais continuarán discorrendo ata este depósito que se proxecta no peirao de Foz, a carón da actual depuradora. O proxecto estima que ata 9 veces ao ano en episodios de choivas as augas fecais verterán directamente á Ría de Foz, zona LIC e ZEPA, sen ser bombeadas nin depuradas, o que resulta inadmisible. Non se marca no Anteproxecto o aliviadoiro á Ría, polo que dubidamos de que a tramitación sexa correcta, tal e como aconteceu no ano 2016", engade.
Cajoto afirma que non se contemplan medidas para evitar o ruído e os cheiros destas instalacións, o que constitúe un dos principais problemas na actualidade, polo que esta problemática podería verse incluso incrementada.
A tubaxe de impulsión discorre por varias rúas do casco histórico de Foz -indican os socialistas- e non se marca posición e cota das conducións e dos servizos que existen actualmente: esta indefinición e falta de estudo podería provocar que o proxecto fose inviable na súa execución.
Os bombeos de augas situados fronte á praia de LLas son modificados para mellorar a súa capacidade. Sen embargo, o Anteproxecto contempla que ata en 10 episodios de choivas ao ano no caso de Llas 1 e en 8 episodios de choivas no caso de Llas 2, as augas fecais vertan directamente á praia de Llas sen ningún tipo de depuración.
Afirman que o Anteproxecto non ten en conta os cheiros da nova EDAR, ata o punto de que non considera o impacto que terá o gas metano e confunde as fases de construción coas de explotación. "Desde o PSOE de Foz consideramos -indica Fran Cajoto- que debería contarse coa posibilidade de dispoñer dunha planta de desodorización con tratamentos biolóxicos e carbón activo, e non só un secador de fangos".
"O documento contempla o vertido das augas depuradas a carón da praia de Peizás, cruzando a tubaxe a zona de estacionamento. O Anteproxecto deseña un emisario mariño para que a carga contaminante se verta dunha forma máis dispersa ante o posible fallo da depuradora. O PSOE de Foz considera que este é un punto moi sensible, xa que a praia de Peizás é unha das máis singulares do Concello e habitual bandeira azul, distinción que podería perder definitivamente ante a nova instalación e empeorarse a calidade das augas de baño. Hai que ter en conta ademais que neste tipo de emisarios son habituais as roturas por temporais mariños, polo que teriamos un vertido directo a escasos metros da praia", explican.
Desde o PSOE consideran que se está desaproveitando a oportunidade de que Foz conte cunha depuración de augas fecais moderna e eficaz  -indica Fran Cajoto- Descoñecemos si o actual alcalde vai presentar alegacións ou se vai mirar para outro lado ao tratarse dun proxecto da Xunta, pero debemos esixir que a inversión sexa realmente positiva e que calquera instalación que se faga arranxe problemas e non xere outros novos.

0.14614701271057