O PSOE de Foz reclama que se pinten pasos de peóns en Álvaro Cunqueiro e Avenida da Mariña
O PSOE de Foz vén de facer unha demanda para que se repinten os pasos de peóns na rúa Álvaro Cunqueiro e avenida da Mariña. Segundo afirman, "hai un desconcerto entre os veciños á hora de pasar dunha parte a outra das rúas. Tal como están configuradas, supoñen un perigo para os viandantes. Ademais, existen dous colexios nas inmediacións o que obriga a extremar as precaucións para garantir a seguridade dos nenos e nenas que se desprazan a pé á escola. Resultan curiosos os intentos e amagos que se ven obrigados a facer as persoas maiores para cruzar a rúa ao ver chegar un vehículo. Ninguén sabe de quen é a prioridade, en Álvaro Cunqueiro, rúa de circulación rodada continua, si dos propios vehículos ou dos peóns".
O PSOE reclama unha ordenanza de tráfico para dar seguridade xurídica aos peóns, condutores e policía local. "É necesario regular o horario das zonas de carga e descarga así coma os espazos reservados a zonas de aparcamento comercial de 45 minutos", din.
O partido da oposición manifestou a súa perplexidade "polos continuos cambios das configuracións das rúas. Cambios no sentido da circulación, na configuración dos aparcadoiros, nas zonas de carga descarga e aparcamento comercial. Escoitar ao alcalde dicir que, agora, vai encargar un plan de mobilidade é, cando menos, de risa e demostra a mala xestión e improvisación que o impregna todo no seu mandato destes anos".
"Agora, unha vez rematadas as obras de remodelación das dúas rúas principais de Foz, agora que o tráfico se desvía pola rúa do Pilar e polo Porto, incluso camións de gran tonelaxe, agora que a rúa do cemiterio absorbe moito do tráfico, agora é cando nos sorprende co anuncio do plan de mobilidade que debería ter elaborado antes de executar ningunha obra, tal e como lle leva reclamado o PSOE en multitude de ocasións", recalcan.