O PSOE de Friol alerta do incumprimento da regra de gasto por parte do Concello

Os socialistas de Friol, a través da súa voceira Ana Pardo, denuncian que a falta de planificación do alcalde levou ao Concello a incumprir a regra de gasto en 2024, a pesar dos continuos avisos de Intervención. Como consecuencia, Friol deberá agora elaborar un Plan Económico-Financeiro que implicará recortes e limitacións durante os vindeiros dous anos.
“Xa chegou o que levabamos meses advertindo: o alcalde gastou máis do que podía e agora outro ten que arranxar a desfeita”, critica a voceira. Pardo lembra que a lei obriga a poñer en marcha un plan de axuste para 2025 e 2026, no que o Concello terá que recortar ou limitar gastos e xustificar cada investimento.
“Santos converteu a Friol nun meniño ao que lle teñen que administrar os cartos”, ironiza a voceira, que compara a situación coa dun neno que queda baixo control da “mamá” por gastar máis do debido. “Esquécete de investimentos e proxectos novos. Haberá que xustificar a mamá en que se gasta a paga. E chegarán recortes para volver ao rego”.
A socialista subliña que, pola falta de planificación do goberno local, Friol perde autonomía financeira e queda baixo supervisión. “Acabouse a festa do alcalde, pero esta vez págaa a veciñanza”, conclúe Pardo.