O PSOE de Guitiriz acusa ao PP de actuar de forma partidista co derrubamento da Casa da Botica

TerraChaXa
Reciben con sorpresa o comunicado emitido polo Partido Popular no que esixen ao Concello “responsabilidades e claridade” sobre este asunto.
derrube casa da botica
5 Feb 2021

O PSOE de Guitiriz lamenta que o grupo municipal do Partido Popular opte por unha postura totalmente partidista despois de que, só hai unha semana, a corporación chegase no pleno a un consenso para ir todos os partidos da man ao depurar as responsabilidades sobre o acontecido nas obras da Casa da Botica.

O grupo socialista recibiu con sorpresa o comunicado emitido polo Partido Popular no que esixen ao Concello “responsabilidades e claridade” sobre este asunto. Isto prodúcese un día despois de ser citados polo Concello á reunión convocada para mañá con todos os partidos da corporación para definir a estratexia a seguir

Desde o PSOE de Guitiriz entenderíase que, se despois da reunión os partidos da oposición non estivesen de acordo co alí exposto, emitisen estas críticas pero non é de recibo que por un lado se pida consenso e polo outro se desmarquen totalmente facendo acusacións e suposicións infundadas.

Quizás o Partido Popular debería deixar as acusacións a un lado e centrar os seus esforzos en axudar a esclarecer o ocorrido xa que hai que lembrar que a Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Patrimonio, era coñecedora do procedemento que se ía a levar a cabo.

Mañá, venres 5 de febreiro, e tal o como se comprometeu, o goberno local aportará ao resto de grupos da corporación toda a información solicitada tanto á Deputación de Lugo como a Patrimonio e tamén á empresa concesionaria para coñecer con exactitude o procedemento que se seguiu, se era inevitable o derrubamento e poder marcar unha folla de ruta para, en común e como Concello, esixir responsabilidades a quen sexa.

Con estas declaracións parece que o PP non busca o consenso nin quere que os veciños e veciñas de Guitiriz coñezan exactamente o que pasou, só quere sacar rédito e a súa única vontade é a de entorpecer, xa o fixeron durante o seu mandato, no que paralizaron o proxecto, e agora volven a facer o mesmo.

0.1697051525116