O PSOE de Guitiriz aproba en solitario a nova taxa do lixo entre críticas da oposición

O pleno extraordinario do Concello de Guitiriz aprobou este xoves, só cos votos favorables do PSOE, a actualización da ordenanza fiscal que regula a taxa pola recollida de lixo. O servizo, segundo o goberno local, ten un custo que supera os 400.000 euros anuais, o que fai necesario axustar as tarifas ás novas condicións económicas e ás esixencias legais.
A oposición, formada por PP e BNG, amosou o seu desacordo coa medida. O PP votou en contra e o BNG abstívose, aínda que ambos grupos coincidiron en criticar o que cualificaron como unha “suba repentina” das tarifas, que —na súa opinión— debería terse aplicado “de maneira progresiva”.
O voceiro popular, José Manuel López Rodríguez, asegurou que “na maioría dos apartados a suba ronda o 100%, e nalgúns casos mesmo chega ao 400%”, o que considera que non invita a "abrir negocios ou manter os que xa existen”.
Pola súa parte, a concelleira do BNG, Mónica Roca, lembrou que a suba “coincide coa actualización da lei, que hai que cumprir, e co aumento do canon de Sogama”, pero advertiu de que “os veciños van ter que asumir un incremento moi importante sen que se perciba ningunha mellora no servizo”.
Segundo o novo baremo, unha vivenda urbana pasará de pagar 52,40 euros ao ano a 105 euros, mentres que unha rural abonará 79 euros. Os restaurantes, casas de comidas, cafeterías e bares pagarán o dobre (de 150 a 300 euros), os supermercados pasarán de 174,40 a 697,60, os despachos profesionais de 50 a 200, e as entidades financeiras de 112,40 a 337,20 euros anuais.
A alcaldesa, Marisol Morandeira, defendeu a necesidade da medida e lembrou que se abre agora un prazo dun mes para presentar alegacións. “Estudarase cada unha delas e incorporaranse aquelas que axuden a mellorar o servizo”, afirmou, subliñando que o obxectivo da actualización é garantir a sustentabilidade do sistema de recollida e tratamento do lixo no municipio.
"Non é un taxazo é responsabilidade", matizou Morandeira, lembrando que a taxa levan conxelada desde o 2012 e co aumento do recibo de Sogama "é necesario actualizar as taxas: para cubrir o custo real do servizo e garantir que Guitiriz siga tendo unha recollida do lixo de calidade, tanto na zona urbana como no rural. O que o PP chama taxazo é simplemente poñer ao día un servizo esencial para a nosa veciñanza".