O PSOE de Guitiriz seguirá coa loita para recuperar as prestacións do centro de saúde de Parga
TerraChaXa
O Partido Socialista de Guitiriz continuará coa loita para que o PP reabra o centro de saúde de Parga nas condicións de antes da pandemia
25 Maio 2023
O Partido Socialista de Guitiriz non se esquecerá da inxustiza que se está a cometer co consultorio de Parga e continuará coa súa loita para que o Partido Popular reabra o centro de saúde nas mesmas condicións que tiña antes da pandemia.
A alcaldesa e candidata socialista á alcaldía, Marisol Morandeira, explica que “pedimos algo tan simple como que cumpran co seu compromiso”, facendo referencia ao anuncio do Sergas de que faría unha reapertura total do centro unha vez rematase a pandemia.
Morandeira esixirá ao Sergas que “se recuperen o número de facultativos no noso concello, necesarios para ter unha atención primaria de calidade” e critica ao Partido Popular “a perda de servizos á que está sometendo continuamente ao rural”.