O PSOE de Mondoñedo critica o último nomeamento do Cunqueiriano Eméritus
Os socialistas de Mondoñedo tildan de “esperpento o nomeamento do Conselleiro de Cultura do PP como Cunqueiriano Eméritus”. A voceira socialista, Esperanza González acusa a Elena Candia “de utilizar a institución municipal con criterios sectarios e partidarios, e para facer a pelota dentro do seu partido”.
E pregúntalle á rexedora “que fixo o Conselleiro do PP para recibir un premio que está reservado para persoas vencelladas como estudosas e investigadoras da obra de Cunqueiro?. Algo que o Conselleiro non cumpre”.
“É bastante sorprendente que Elena Candia estea preocupada porqué non a chaman da Deputación para visitar obras, cando ela é unha auténtica profesional do autorretrato, xunto cos lideres do PP”, espetou a concelleira socialista. Nesa liña lembrou a visita que realizou o Conselleiro á Casa de Cunqueiro o pasado 9 de novembro, pero a Deputación non foi avisada para estar presente nesta data, cando é a administración que mais inviste neste proxecto. “A isto eu chámolle falta de ética e de respecto institucional”, dixo González.
“Ademais, calquera visitante que se achegue a Casa de Cunqueiro poderá comprobar como non hai nin un só cartel, nin unha soa placa, que indique como se financiou este edificio. É só por un motivo, porque a máxima impulsora económica desta iniciativa foi a Deputación de Lugo, e non lle convén”, remarcou.
O grupo socialista quere amosar o seu apoio e recoñecemento aos anteriores galardoados coa distinción de Cunqueiriano Eméritus. Todos e cada un deles, Cal Pardo, Pere Gimferrer e Darío Villanueva, merecen a nosa máxima consideración, e por suposto este galardón.
A voceira socialista demándalle a Candia que faga públicos os criterios polos cales se concede o Cunqueiriano Emeritus. “Todas as persoas que reciben esta distinción deben de ser estudosas e investigadoras da obra de Cunqueiro, e o Conselleiro do PP non cumpre ningunha destas premisas, isto é puro clientelismo político”. Tal e como xa denunciou o propio fillo de Álvaro Cunqueiro, Cesar Cunqueiro.
González prégalle a Candia “que aparque as súas ansias de poder, e sobre todo, que non utilice ao Concello de Mondoñedo e aos seus veciños para ascender na súa carreira política. Os mindonienses merecemos un Goberno, serio, democrático, responsable, e que non utilice aos veciños como moedas de cambio políticas”, resumiu.