O PSOE de Muras acusa ao alcalde de intentar "silenciar" á súa voceira nun pleno

O PSdeG de Muras denunciou que o alcalde, Manuel Requeijo, impediu intervir á voceira socialista, Jennifer Gómez Galego, no último pleno extraordinario celebrado no mes de abril, no que se abordaba o inicio da licitación das obras do Fondo de Compensación Ambiental.
Segundo explican as e os socialistas, Gómez Galego iniciou a súa intervención contextualizando o posicionamento do grupo municipal respecto ao proxecto, facendo referencia ao pleno de agosto no que xa se tratara esta cuestión. Porén, o alcalde interrompeuna aos poucos segundos de comezar a falar e limitou a súa participación, impedíndolle continuar coa súa exposición e desenvolver o seu argumento.
Dende o PSdeG de Muras cualifican o sucedido como “unha grave vulneración dos dereitos da oposición e unha falta de respecto institucional intolerable”, e acusan ao alcalde de “converter o pleno nun trámite no que só ten cabida a voz do BNG”.
“É inaceptable que nun asunto desta relevancia, como é un investimento de preto de medio millón de euros, se impida á oposición explicar a súa postura diante da veciñanza”, apunta Gómez.
As e os socialistas denuncian que esta actitude “responde a unha forma de gobernar baseada en evitar o debate” e advirten de que “non imos aceptar nin normalizar prácticas que buscan silenciar á oposición”.
Dende o PSdeG esixen ao BNG “que rectifique e garanta o funcionamento democrático do pleno, permitindo a intervención de todos os grupos en igualdade de condicións”, e reiteran que seguirán “defendendo con firmeza os intereses da veciñanza de Muras, malia os intentos de bloqueo e censura por parte do goberno local”.