O PSOE de Outeiro de Rei denuncia "opacidade" na xestión da piscina

LugoXa | TerraChaXa
Carmen Acacio denuncia que o Concello, sabendo desde hai meses que a piscina abriría este verán, fixera unha adxudicación directa sen custo para un concesionario a custo cero
piscinas-outeiro-de-rei
21 Sep 2024

O grupo municipal socialista de Outeiro de Rei denuncia a falta de transparencia do Concello ao non sacar a licitación pública a explotación da cafetería da piscina municipal, a pesar de saber desde hai meses que este verán a nova piscina estaría en funcionamento. A súa voceira, Carmen Acacio, alerta de que “esta situación é inadmisible e supón un grave prexuízo tanto para os posibles interesados como para os hostaleiros do municipio”.

Segundo informan os socialistas, o Concello asinou un convenio con unha persoa para a explotación da cafetería sen ningún proceso de concurso ou licitación, permitindo que esta persoa explote o negocio a custo cero. Acacio explica que “esta decisión, non só priva ao resto de cidadáns de Outeiro de Rei da posibilidade de optar a este servizo a través dun proceso público e transparente, senón que tamén crea unha situación de competencia desleal para o resto dos negocios de hostalería do municipio”.

Desde o grupo socialista subliñan que a xestión da cafetería debería terse realizado mediante un proceso de licitación pública aberto, tal e como debe facer unha administración pública. "É inxustificable que o Concello, sabendo desde hai meses que a piscina abriría este verán, non tomara as medidas necesarias para garantir unha xestión adecuada e xusta deste servizo. En lugar diso, optaron por unha adxudicación directa sen custo para o concesionario, o que resulta escandaloso", afirman.

Esta situación non só prexudica aos veciños interesados en participar nunha licitación transparente, senón que tamén afecta directamente aos hostaleiros de Outeiro de Rei, que ven como se lles impón unha competencia desleal. “Non se pode consentir que un negocio municipal sexa cedido gratuitamente sen ningún tipo de control ou fiscalización. Esta falta de rigor vai en contra dos intereses da veciñanza e dos hostaleiros, que pagan impostos e teñen que competir en condicións xustas”, engaden.

Os socialistas esixen ao equipo de goberno do Concello que rectifique de inmediato esta situación e preguntarán sobre isto no vindeiro pleno, que se celebrará a vindeira semana. Así mesmo, instan ao Alcalde a que proceda á convocatoria dun proceso de licitación pública para a explotación da cafetería da piscina municipal, co fin de garantir a transparencia, a igualdade de oportunidades e o cumprimento da legalidade.

Ademais, o grupo municipal solicita que se dean explicacións claras e contundentes sobre os motivos desta adxudicación directa.

0.16100192070007