O PSOE de Outeiro de Rei esixe ao alcalde que mellore o campo municipar de San Lourenzo de Aguiar
A agrupación socialista de Outeiro de Rei esixe ao alcalde o arranxo urxente do campo municipal de San Lourenzo de Aguiar. Así o informou este sábado a voceira do PSdeG no municipio, Carmen Acacio, que apoia as reivindicación da Agrupación Deportiva Matela, ao tempo que reclama ao Concello unhas instalacións “dignas” para este equipo de fútbol local que compite na Terceira galega.
“O acceso ao campo de San Lourenzo é por un camiño de terra en malas condicións, o redor do campo está todo desfeito e os vestiarios non cómpren nin os mínimos de salubridade”, denuncia Acacio.
A socialista asegura que a propia agrupación deportiva vén de presentar unha reclamación ante o Concello para que se poña ao día co mantemento das instalacións e sinala que “como non podería ser doutra maneira, nós estaremos coma sempre do lado da veciñanza”.
Sobre as instalacións detallan os socialistas que, tal e como denuncian desde o AD Matela, o valado que delimita o campo de xogo está instalado do revés, coa barra de soporte mirando ao campo e a inseguridade que xera nos xogadores; a instalación eléctrica xeral está aberta e á intemperie e é habitual que salten os plomos; a uralita dos vestiarios está furada e repárana cos seus propios medios; hai problemas co desaugue; cos baños e nin tan sequera contan con colector de lixo de plásticos.
Denuncia Acacio que “de ningunha maneira pode haber en Outeiro de Rei cidadáns de primeira e de segunda”, facendo referencia ás queixas que lles trasladan desde a AD Matela porque o Alcalde non lles deixa adestrar no outro campo de fútbol municipal, que si está en boas condicións.
“Xa sabemos que é práctica habitual do Alcalde e deste grupo de Goberno, deixar de lado as parroquias. Nós defendemos que os servizos públicos teñen que ser de calidade e iguais para todos, vivan onde vivan, así que apoiaremos ao Matela e chegaremos ata onde faia falta para que arranxen esas instalacións deportivas”.