O PSOE de Rábade acusa ao Goberno local de incumprir a normativa nas obras financiadas pola Deputación

LugoXa | TerraChaXa
Martínez explicou que as bases do Plan Deputación establecen de forma clara a obriga de colocar carteis identificativos ao inicio e ao final de cada obra
rua-miguel-de-cervantes
30 Mar 2026

O PSdeG de Rábade, a través do seu voceiro Alejandro Martínez, denunciou que o goberno local do Partido Popular incumpre de maneira reiterada as obrigas recollidas nas bases do Plan Deputación de Cooperación cos Concellos ao non instalar os carteis obrigatorios nas obras financiadas pola institución provincial. Considera isto unha práctica coa que, segundo explica, o PP oculta deliberadamente a orixe dos investimentos e que pode derivar na perda do financiamento provincial.

Martínez explicou que as bases do Plan Deputación establecen de forma clara a obriga de colocar carteis identificativos en todos os investimentos financiados, visibles ao inicio e ao final de cada obra e dende o comezo da súa execución, unha condición que, segundo denunciou, “non se está a cumprir en Rábade”.

“Nada de isto se está a cumprir pola alcaldesa do PP e o seu equipo de goberno”, afirmou o voceiro, quen puxo exemplos concretos como as obras da Avenida dos Remedios, onde o cartel “apareceu meses despois de iniciarse os traballos e tras requirimentos da propia Deputación”, ou as actuacións nas rúas Doutor Fleming e Miguel de Cervantes, “onde actualmente non hai ningún cartel instalado”.

“Non estamos ante un erro puntual, senón ante un incumprimento sistemático das normas que regulan o financiamento destas obras”, advertiu Martínez, quen considera que esta actitude responde á intención do Partido Popular de “ocultar que as únicas actuacións que se están a executar en Rábade proceden dos gobernos progresistas da Deputación de Lugo e do Goberno de España”.

O PSdeG alertou ademais de que este incumprimento pode ter consecuencias económicas para o Concello, xa que tal e como recollen as propias bases Plan Deputación, “o incumprimento do deber de publicitar as axudas concedidas implicará a perda do dereito”.

“Neste momento están en xogo miles de euros correspondentes ás anualidades 2024 e 2025 por unha decisión irresponsable do goberno do PP, que antepón o seu interese político ao interese xeral da veciñanza”, sinalou Martínez.

O PSdeG considera “inaceptable” que o PP poña en risco investimentos fundamentais para o desenvolvemento do municipio por non cumprir unha obriga básica asociada ás axudas públicas, e esixen ao goberno local que rectifique de inmediato, coloque os carteis identificativos e garanta o cumprimento das bases.

“Rábade non pode permitirse perder recursos por desidia nin por sectarismo. A veciñanza ten dereito a saber que as obras que se están a executar no municipio están financiadas polos gobernos do Partido Socialista, e tamén a que se garantan todos os investimentos posibles para o noso concello”, concluíu o voceiro socialista.

0.11796188354492